Un libro para cada persoa: OS LIBROS QUE SOMOS reivindican a literatura en galego para este nadal
Redacción · · 5 min de lectura
A campaña reivindica así o valor do comercio de proximidade e o papel das libreiras e libreiros como mediadores culturais, especialmente nun momento do ano no que miles de persoas entran nunha libraría cunha pregunta moi concreta: que libro lle regalo?
Hai quen aínda mide o mundo en contos e quen cre que xa o leu todo. Quen volve unha e outra vez aos clásicos e quen busca historias que acaban de chegar. Hai quen se emociona cun poema, quen devora un bestseller, quen vive pendente do próximo concerto e quen busca nos libros novas maneiras de entender o mundo. Para todas esas persoas hai un libro en galego.
Esa é a idea da que parte «Os libros que somos», a nova campaña de Nadal impulsada conxuntamente pola Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras e a Fundación Xistral, a través da plataforma M8 por Ler, que busca fomentar a compra e o agasallo de libros en galego durante unha das épocas de maior actividade do sector.
A campaña desenvolverase do 20 de novembro ao 6 de xaneiro e constrúe un universo propio arredor de cinco libros convertidos en personaxes. Cada un deles representa un perfil lector diferente e, entre todos, amosan a variedade da produción editorial que existe actualmente en lingua galega: desde a literatura infantil e xuvenil ata os clásicos, a poesía, a narrativa contemporánea, as traducións, a diversidade ou as historias vinculadas á cultura e ao lecer.
Cinco libros que son cinco maneiras de ler
Os protagonistas de «Os libros que somos» teñen nome, personalidade e ata estilo propio e están deseñados polo ilustrador Bernal Prieto.
Lixi representa a literatura infantil e xuvenil: os álbums ilustrados, os contos e as primeiras novelas. Gali é o clásico do grupo, vencellado aos versos, á memoria e á retranca. Besti encarna unha literatura galega contemporánea, cosmopolita e aberta ao mundo, con éxitos editoriais e traducións á nosa lingua. Queeri achégase á poesía actual, á diversidade e aos temas que atravesan o presente. E Festi, o trouleiro, representa a quen goza da música, da festa, do deporte e das historias que conectan coa cultura popular e coa vida cotiá.
A través deles, a campaña busca cuestionar unha idea que aínda persiste arredor da edición en galego: a súa identificación cun produto minoritario ou dirixido a un perfil moi determinado de lector. Fronte a ese tópico, «Os libros que somos» propón unha resposta sinxela: hai un libro en galego para cada persoa que coñecemos.
Así, as cinco personaxes funcionan como unha porta de entrada á enorme diversidade do catálogo actual e como unha guía á hora de pensar nos agasallos destas festas.
Un sector editorial que crea, traduce e abre novos mundos en galego
Detrás de cada un destes libros hai tamén un tecido editorial que leva décadas construíndo un universo literario propio, diverso e en constante transformación. As editoriais galegas desempeñan un papel fundamental na creación e difusión da cultura na nosa lingua, apostando tanto polas novas voces como pola recuperación dos clásicos, pola literatura infantil e xuvenil, pola divulgación e pola tradución de grandes obras internacionais.
Grazas a ese traballo, o galego é hoxe unha lingua na que se pode ler o mundo enteiro: desde as historias máis próximas ata as que nacen a miles de quilómetros, desde a literatura máis experimental ata os grandes éxitos comerciais. A campaña quere poñer en valor esa riqueza editorial, que permite que cada lector e lectora atope obras acordes cos seus gustos, intereses e inquedanzas, ao tempo que reivindica a importancia de apoiar a creación e a edición na nosa lingua como garantía da súa vitalidade cultural.
A libraría, o lugar no que atopar o libro de cada persoa
Pero «Os libros que somos» non quere limitarse a falar dos libros. A campaña sitúa tamén no centro as librarías e o traballo das persoas que están detrás delas.
Todas as pezas conducen a unha mesma acción: achegarse á libraría e deixarse recomendar. Porque fronte aos algoritmos e ás seleccións automatizadas, as librarías conservan algo dificilmente substituíble: o coñecemento dos libros, a capacidade de escoitar a quen busca un agasallo e a recomendación persoal baseada nos gustos, na idade ou nos intereses de cada lector.
A campaña reivindica así o valor do comercio de proximidade e o papel das libreiras e libreiros como mediadores culturais, especialmente nun momento do ano no que miles de persoas entran nunha libraría cunha pregunta moi concreta: que libro lle regalo?
«Os libros que somos» quere que a resposta poida ser, cada vez máis veces, un libro en galego.
Deste xeito, a campaña trasladará ás redes sociais algo que sucede cada día detrás dos mostradores: libreiras e libreiros recomendando ese título que coñecen especialmente ben, explicando por que paga a pena lelo e pensando en quen podería gozalo.
Do Nadal aos Reis
«Os libros que somos» acompañará todo o período de compras das festas, desde o 20 de novembro ata o 6 de xaneiro, cunha programación especialmente intensa arredor das dúas grandes datas de agasallos: a Noiteboa e a véspera de Reis.
As cinco personaxes protagonizarán diferentes contidos e recomendacións ao longo das semanas, mentres as librarías irán incorporando as súas propias propostas. A campaña contará con ilustracións individuais e colectivas, contidos para redes sociais, bandas deseñadas, recomendacións de libreiras e diferentes accións destinadas a acompañar ao público ata os momentos de maior intensidade das compras.
A acción desenvolverase nas redes e canles dixitais das entidades participantes e buscará multiplicar o seu alcance coa implicación das librarías e editoriais galegas.
Porque detrás de Lixi, Gali, Besti, Queeri e Festi hai miles de títulos posibles. Libros para quen comeza a ler e para quen leva toda unha vida facéndoo. Para quen busca unha historia de aquí e para quen quere viaxar polo mundo. Para quen quere rir, pensar, emocionarse, descubrir ou simplemente abrir un paquete e atopar dentro unha boa historia.
Este Nadal, o mellor agasallo é un libro en galego.
Comentarios
Inicia sesión para comentar.
Aínda non hai comentarios publicados.