Este que traio hoxe é un libro que chamou a miña atención na biblioteca porque non trata un tema nada habitual. Falo de As mulleres e o comercio na Galicia dos séculos XIX e XX de Luísa Muñez Abeledo e Marta Alija Domínguez e que está publicado pola Universidade de Santiago de Compostela. Esta é unha edición trilingüe en galego, castelán e inglés que se le rápido (se se fai só nunha lingua, claro) e que nos achega diferentes aspectos das mulleres no mundo do comercio. Fálasenos dos lugares onde se vendía (mercados, feiras, prazas de abastos, tendas), o tipo de mercadoría e a situación de moitas destas mulleres dentro do mundo económico da época. Fálasenos do feito de que moitas das mulleres traballaron sen figurar nos letreiros dos establecementos, pois era o nome do seu marido o que se publicitaba, tamén da forma en que mulleres solteiras e sobre todo viúvas tomaban o control de negocios familiares, algunhas con tanto éxito como a viúva de Simeón. Tamén presta a atención a feiras e mercados, algúns dos cales aínda teñen boa vitalidade. Para unha persoa neta dunha muller comerciante nun establecemento que levaba o nome do seu marido e non chegou nin a cotizar para a xubilación, todo o que aquí se retrata resúltame moi familiar e encántame que as autoras recollesen toda esta información e, especialmente os datos e fotos de establecementos que despois de moitos anos abertos, podemos visitar aínda hoxe ignorando a presión das novas formas de venda. Como un presentimento, cando me encamiñaba a devolver o libro á biblioteca pública, cruceime con Mª Carmen Pérez Carro, unha das mulleres que rexentan un comercio histórico de Lugo, a cordelería do Maragato na Porta San Pedro, razón pola que esta tenda ocupa o fondo da foto desta publicación. Unha lectura fantástica para coñecer de onde vimos!