Este último libro de Samuel Merino, Claustro corda comensal, tiven a sorte de recibilo dedicado polo autor cando recentemente o ofreceu nas súas redes sociais. Desde logo caeume moi ben despois do que me gustara o seu Manual de camuflaxe que lin haberá un ano. Claustro corda comensal é un libro duro. Atopámonos no psiquiátrico de Conxo e podemos ler poema tras poema os instantes, as miserias, as persoas suspendidas nun sen-tempo da súa propia vida, sen ceo, sen pasado claro, sen futuro e obrigadas a estar dunha determinada forma neste presente. UNHA PARÉNTESE, a nosa presenza entre os confíns daba un sentido ao pasado apuntaba a un porvir para o que non había un comezo e agardaba un final que non acababa de chegar. Estabamos. Ninguén entraba nin saía. Estabamos. Non atopamos unha crónica, senón sensacións, percepción, análise da experiencia. Diversas mulleres, diversas experiencias nun mundo áspero que busca o cambio en algo moi intrínseco a unha mesma, un cambio doloroso e duro. Podemos intuír tamén violencia. E de fondo a música e mais as palabras de Leopoldo María Panero, presente ao longo de toda a obra. Non é este libro unha crónica, pero lido despois de As tolas que non o eran ou Illa de sangue de Carmen V. Valiña podemos achegarnos ao contexto no que se sitúa cada verso. Respecto ao ritmo, esa lograda cadencia dos poemas parece que nos vai levando da man. Un libro duro pero moi poético e delicado.