Sam, encargado do Nautilus, un local de concertos da península do Grove, comeza outro día frenético de traballo logo dunha noite moi intensa. Entre tanto, é vixiado de preto por dous esbirros dun narco da contorna. O propietario do Nautilus acompaña un amigo músico ante un suceso inesperado que…
Hoxe toca Leiva é a primeira novela para público adulto de Lois Pérez e está publicada en Xerais. Nesta novela coral vanse alternando diferentes voces que narran un día frenético preto do Grove. Cada narrador ten a súa historia que segue unha liña argumental propia e que en certos momentos e lugares conflúe coa dos demais: -Sam é o encargado do Nautilus onde vén tocar hoxe Leiva pero decídese manter a intriga e de aí a pregunta que todos fan ao longo do día. Debe moitos cartos e os matóns de Salgado deixáranlle claro que antes de rematar o día ten que pagar. _Jimmy, propietario do Nautilus, apadriñou a Pedro no seu momento e agora este ten un local rival próximo ao del, algo que non entende. -Pedro co seu novo local cheo de pianos que se enfronta hoxe á desaparición da súa filla Estrela. -Sira, a escritora que ten a seu pai con ELA terminal e está pola zona mentres se roda unha película sobre o seu libro e, paralelamente, está recollendo información da mocidade militante de seu pai e os seus problemas coas autoridades. -Os matóns sen escrúpulos de Salgado que teñen unha misión clara para este día: cobrar a débeda polos medios que sexa. -Tone, o actor da película que namora durante a estadía da rodaxe. Todos eles e mais o resto de personaxes teñen a súa historia, os seus conflitos e intereses que coinciden neste lugar e e día. Por esta razón tardei bastantes páxinas en facerme unha composición de lugar pero unha vez feita é unha novela que engancha e o final pareceume redondo. O mellor: o ritmo, a música omnipresente nos locais e alusións e mais o título, que recolle o leitmotif da novela, e eco de fondo en todas as liñas narrativas. Destacaría o sentido do humor e o xogo cos nomes dos grupos. Vaime custar no futuro non dicir Ensaladilla Rusa ou Viva Estocolmo!
e descubre todas as novidades do libro en galego