Un fermoso ovo branco é unha historia sobre como volve nacer a alegría, sobre como a vida sempre se abre paso, igual cá galiña protagonista: correndo, berrando, cantando. Os que primeiro a perseguen son os nenos e as nenas, valentes, desexando bailar sen límites, pero detrás van as familias,…
Paula Carballeira (Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía Hispánica e dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral. Como autora de literatura infantil publicou, entre outras, as seguintes obras narrativas: «A percura» (1990); «Robín e a boa xente» (1995); «Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima» (1996); «Mateo» (1999); «Olo-iepu-iepu» (1999); «Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico» (Xerais 1999); «Paco» (2001); «Correo urxente» (2001); «O ganso pardo» (2002); «A era de Lázaro» (2004); «Smara» (2006); «A casa redonda» (2008); «As outras historias» (2011); «Casas» (2012); «O principio»; «A burra Ramona» (2013), «Bruxa e familia» (2017), «Pan con chocolate. A merenda de Gianni» (Xerais 2021) ou «Trece avisos. Contos para ler pola noite» (Xerais 2022).
Como dramaturga publicou «Boas noites» (Xerais 2007), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007; «Alicia & Alicia» (2010); «Pressing catch» (2010); «A folla máis alta» (2012); «O refugallo» (Xerais 2013), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2011; «Somos os monstros» (Xerais 2019), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018, ou «Wombo Combo» (Xerais 2023). Ten publicado, tamén, o poemario «Contatrás» (2006) e o texto teatral «As alumnas» (2022), que a fixo merecedora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.
En Un fermoso ovo branco temos un álbum ilustrado de Paula Carballeira con ilustracións de Miguel Cerro publicado por Triqueta Editora. Neste libro atopamos unha historia ambientada nun ambiente moi pouco habitual en contos infantís, no medio dun conflito armado. Neste contexto vemos como un día as bombas que asolaban a localidade desaparecen creando desconcerto entre os habitantes que saen desconfiados fóra nun novo ambiente de silencio e tranquilidade. Así a todo, os soldados están na rúa pero o que rompe a tranquilidade é a pita branca que se pon a brincar e cacarexar polo medio de todos para alegría dos habitantes. Como promete o título finalmente temos un ovo branco como resultado do balbordo. Toda unha metáfora para un novo comezo, unha vida nova! Gústame este libro porque rompe cos tópicos habituais sobre onde están ambientados os relatos infantís. Calquera lugar é susceptible de integrar unha historia e unha promesa de cambio. A guerra tamén! Calquera nena ou neno debe ser consciente diso e este libro é a escusa perfecta e cunhas ilustracións tan chulas aínda mellor. Respecto á idade lectora, os textos son relativamente longos polo que se necesita un adulto lector ou ben un lector medianamente independente e interesado en atopar historias diferentes, fóra dos tópicos.
e descubre todas as novidades do libro en galego