Catarina pertence a unha estirpe de bruxas. Herda da súa avoa o oficio e afonda nos segredos das plantas medicinais. Críase nunha consulta demencial, onde acoden enfermos con todo tipo de doenzas. Nos últimos anos da Inquisición, no medio da fame e a miseria, elas son o máis semellante a un doutor…
Ledicia Costas Álvarez, nada en Vigo o 19 de setembro de 1979, é unha escritora galega. Gañou o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2015, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta e tres veces o Premio Lazarillo. Empezou moi nova no mundo da literatura, escribindo as súas primeiras novelas en plena adolescencia. Licenciada en Dereito Económico pola Universidade de Vigo, desde hai varios anos dedícase en exclusiva á creación literaria. É unha das coordinadoras da revista dixital Criaturas, dedicada á Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia. En 2020 foi Premio da Cultura Galega e en 2023 Medalla Castelao.
É unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas de literatura infantil e xuvenil da literatura galega, e os seus libros son constantemente reeditados e foron traducidos a varios idiomas. Foi a primeira persoa en gañar tres veces o Premio Lazarillo (2015, 2017, 2021). No último (A lebre mecánica) os membros do xurado emitiron o fallo por unanimidade sinalando que se trata dunha "obra cun bo nivel de linguaxe para adolescentes" que abrangue temas como a diversidade de xénero e o xogo, e que combina o relato "de forma equilibrada e os diálogos con “reflexións contrastadas acordes coas vivencias da idade”.
A ambientación que consegue Ledicia Costas en Pel de cordeiro é do mellorciño do libro, por non dicir o mellor e punto. Con cada palabra, con cada frase conseguiu levarme mesmo á aldea de Merlo, a casa de Catarina e a súa avoa Elvira, ao Pazo de Oca, sentíame cuberta de insectos e arroupada por eles. Encantoume a combinación de personaxes e de épocas, a distinción é evidente no estilo narrativo e na ambientación. Preocupábame que a parte contemporánea, a de Lola, non me interesaría tanto coma a de Catarina, pero non houbo problema ningún. Os capítulos son curtos e lense voando, a tensión e as ansiedades de Lola son abafantes ao mesmo que fascinantes. En resumo, que é unha lectura moi recomendable. O uso da bruxería como marco narrativo para reflictir o sufrimento da muller ao longo dos séculos non resulta nada aburrido nin repetitivo (que é o que coido que adoita pasar hoxe en día). Moitas grazas a Ledicia por sacarme do meu bloqueo de lector, levaba meses e meses sen ler un libro enteiro!
Tremendamente bo.
e descubre todas as novidades do libro en galego