Tras Asasinato na Casa Rosa, Arantza Portabales regresa cun novo caso da agora detective Iria Santaclara e o comisario xubilado César Araujo.Volvemos a Loeiro, onde en 1984 acontece unha matanza no muíño do Cura que trae as súas consecuencias ata o presente, cando, unha muller, Alba Mariño, chega á…
María Aránzazu Portabales Santomé, máis coñecida como Arantza Portabales, nada en Donostia o 27 de xaneiro de 1973, é unha escritora galega en lingua castelá e galega.
Filla de emigrantes galegos, regresou coa súa familia a Marín en 1985. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa como funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Vive en Teo.
Por fin puiden ler a última novela de Arantza Portabales, Asasinato no muíño do cura, publicada en Galaxia, unha novela que sen dúbida todos os fans da autora estabamos desexando poder devorar. Nesta novela Alba chega a Loeiro para intentar descubrir a súa familia biolóxica pois os seus pais adoptivos xa faleceron e ela sente a necesidade imperiosa de achegarse a un pasado que rematou de forma violenta e do que non recorda nada máis ca imaxes inconexas aínda que non foi ata os dez anos cando foi adoptada. Volvemos viaxar a Loeiro e atopamos unha nova investigación da inspectora Iria Santaclara, agora fóra da comisaría, César e Rial. Novo crime que investigar despois da resolución do de Asasinato na casa rosa. Se a anterior novela era aditiva, esta non o é menos: o ambiente de vila pequena de Loeiro onde todo o mundo se coñece e sente o dereito a opinar sobre os demais, a entrañable Gestapo e personaxes escuros que supoñemos desde o comezo que teñen algún segredo relevante para coñecer o pasado de Alba... ou máis ben deberiamos dicir Berta? O ritmo é rápido e as case catrocentas páxinas fanse poucas porque aos poucos capítulos xa estamos completamente enganchados. O comezo, cun brutal asasinato invítanos a saber máis, a buscar unha explicación. A sucesión de narradores vainos amosando diferentes caras do misterio ao longo de tres momentos temporais: 1975 cando nace Berta, 1984 cando suceden uns acontecementos tráxicos que cambian o decurso do futuro para todos os implicados e o presente, desde o que Alba busca coñecer quen é e no que Iria e o resto de investigadores que xa coñecemos desde Asasinato na casa rosa intentan axudala. Desde logo non podo senón dicir que Arantza Portabales ten a clave para este tipo de novelas e non deixa ningún fío solto para desviarnos do culpable final. Madía leva a haber tantos lectores impacientes para botarlles o dente en canto saen: toda unha mestra no xénero!
e descubre todas as novidades do libro en galego