Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 Neste libro cóntasenos unha historia de aventuras (xénero que leva practicando a autora dende sempre) sobre unha organización clandestina dedicada a salvar obras de arte. Unha novela vibrante que nos deixa sen alento xa dende as primeiras liñas…
María Pilar Jiménez Aleixandre, nada en Madrid o 1 de maio de 1947, é escritora en lingua galega, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega.
O primeiro relato que escribiu, un conto sobre vampiros, foi o xermolo de Agardando polos morcegos. Logo viñeron A formiga coxa, a súa primeira novela de literatura infantil, e A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995).
Ademais de destacar como autora de literatura infanto-xuvenil tamén escribiu para adultos. Foi finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 con Tránsito dos Gramáticos. En 1996 publicou o libro de relatos Lobos nas illas, sobre as difíciles relacións familiares, en 1998 a novela A compañía clandestina de contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro dese mesmo ano), e no 2001 Teoría do Caos (Premio Xerais 2001), unha novela ambiciosa e fragmentaria sobre como é posible traizoarse a un mesmo. Boa parte da súa obra narrativa está traducida ó castelán, portugués, catalán e vasco. En 2020 gañou o premio Blanco Amor por As malas mulleres e en 2022 o Premio Nacional de Narrativa pola mesma obra, traducida ao castelán (Xordica, 2022), catalán (Bromera, 2023) e éuscaro (Alberdania, 2023).
Traduciu do inglés para o galego o poemario Muller ceiba (1996) de Sandra Cisneros, A caza do Carbairán, de Lewis Carroll (incluída na Lista de Honra do IBBY en 1997) e Harry Potter e a pedra filosofal, o primeiro volume da serie Harry Potter, no 2001, sendo ademais a responsable dos guións dos 14 capítulos da serie de banda deseñada Os Escachapedras, con ilustracións de Fran Bueno.
Como poeta participou en varias publicacións colectivas e nas actividades do Batallón Literario da Costa da Morte. En 1998 gañou o Premio Esquío co poemario Catálogo de velenos. En 2010 foi nomeada Socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten así mesmo colaboracións en diversas revistas sobre cultura e literatura: CLIJ, Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Boletín da Real Academia Galega, Nó, Luzes de Galiza e El Signo del Gorrión; tamén en revistas científicas da súa especialidade (Science Education e JRST). Así mesmo é autora de obras sobre o ensino das Ciencias e colabora no xornal Nós Diario.
Foi elixida académica de número da Real Academia Galega no pleno do 9 de xullo de 2016, pronunciando o 14 de xaneiro de 2017 o discurso de ingreso Voces termando da paisaxe galega, respostado por Fina Casalderrey.
Pertence á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e ao PEN Clube de Galicia, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Asociación de Tradutores. Formou parte durante catro anos do Executive Committee do International Board on Books for Young People (IBBY). É membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e é socia de Nova Escola Galega, Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), a European Science Education Research Association (ESERA) e a National Association for Research in Science Teaching (NARST). Pertence ó "Batallón Literario da Costa da Morte", paisaxe literaria onde están situados algúns dos seus libros e ó consello editorial de "Letras de Cal".
o mellor deste libro é a forma na que interpreta os mitos gregos (aínda que neste caso creo que é máis correcto chamalos romanos, xa que os nomes dos deuses corresponden a esa versión). consigue reinterpretar diversos personaxes e episodios desta mitoloxía, polo que queda un mundo moi rico. ademais, a mestura destes elementos coa ambientación histórica da Silicia no 1944 (os cazatesouros, as mafias, as protestas dos mineiros, a guerra...) dá un resultado moi interesante de ler. entón, por que lle dou só 3 estrelas? porque tanto a trama como os personaxes son algo frouxos. aínda que unha orde segreda que agocha tesouros arqueolóxicos dos contrabandistas semella unha idea emocionante, tárdase demasiado en chegar a ese punto e non se nota un medo real do que lles poda pasar aos protagonistas. isto é xustamente porque os personaxes non se senten moi reais. están aí só para amosar como é o mundo no que viven e continuar a trama. hai momentos nos que incluso se detén a intriga para que o personaxe do capítulo conte a súa historia, unha reimaxinación do seu mito orixinal. esas seccións en si mesmas son interesantes, mais deixan a trama que debería ser principal nun segundo plano. tamén falando dos personaxes, necesito facer un paréntese para falar do romance. non é unha parte moi significativa da novela, mais para a pouca importancia que ten non lle vexo a razón de estar. ademais, o seu desenvolvemento síntese estraño. Miranda e Antelmo coñecíanse de antes, mais Miranda non se lembraba del. despois dunha escena medio incómoda na que Antelmo mira demasiado as pernas de Miranda, ela pensa no guapo que está despois de dous anos sen velo e el cóntalle unha anécdota de cando eran crianzas; Miranda queda completamente namorada del (ou, como mínimo, cun crush). se non hai páxinas suficientes para desenvolver o amor que sinten un polo outro, mellor facer que Miranda xa tivese interese por el dende antes. Antelmo podería non darse conta, irse por dous anos e volver, igual que acontece no libro. en conclusión: se gostades da mitoloxía grega/romana, está guai. se buscades unha trama trepidante ou personaxes carismáticos, mellor lede outro libro.
e descubre todas as novidades do libro en galego