Unha mañá de outono calquera no MoMA de Nova York Abril Andrade contempla «A noite estrelada» de Van Gogh cando recibe noticia da irreversibilidade do seu cancro e, seguidamente, do falecemento do tío Bastián. A herdanza do vello faro familiar proporciónalle un inesperado refuxio onde o mar, a area…
Rosa Aneiros Díaz, nada en Meirás (Valdoviño) en 1976, é unha xornalista e escritora galega.
Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu actividade docente na Escola de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo e colaborou no programa da Radio Galega Un día por diante, así como en Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática.
É a guionista da curtametraxe O señor do telexornal realizado por Álex Sampaio, aínda que a súa actividade literaria está centrada no relato e, sobre todo, na novela. Con Resistencia recibiu o premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega do ano 2002. En 2009 gañou o premio Xerais á mellor novela con Sol de inverno así como o premio Fundación Caixa Galicia ao mellor título de literatura xuvenil, con Ás de bolboreta, que así mesmo foi incluído na prestixiosa lista The White Ravens 2010. Obtivo tamén o Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia á mellor obra infantil e xuvenil do 2013, pola triloxía Ámote Leo A.
En 2019 gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil con Xelís, o guieiro das botellas de mar da que o xurado destacou "a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico".
En 2019 traballaba no Consello da Cultura Galega.
Estamos preparades para aceptar a propia morte? Abril Andrade observa «A noite estrelada», un dos cadros mais emblemáticos de Van Gogh, cando recibe unha chamada na que lle informan da evolución irreversible do seu cancro. Tamén da morte do tío Bastián, de quen herda o faro familiar nun pobo da costa galega. Nesta viaxe de aceptación da propia morte, Abril prenderá a lareira dese refuxio a carón do océano, onde o íntimo e o fráxil se funden ante a inmensidade do mar. Na decisión de transitar en soidade, atoparase cunha vella guía para o cultivo das cebolas, o que a levará a reconectar coa natureza. Mais non o fará soa. Descubrirá os segredos familiares a través das palabras do tío Bastián, xunto Leonardo e Lisco, dúas personaxes que achegarán mais do que ela pensa, á súa vida. Rosa Aneiros, escribe cun lirismo poético fascinante, a un ritmo pausado e lento como o xermolar das cebolas. Unha historia na que o primordial se recrea na ambientación e no paisaxe, creando un escenario cargado de suma beleza. Será esta novela un encontro, entre a desolación e a luminosidade existente nos recantos da escuridade. «A noite das cebolas» semella ese cadro pintado. Mais este lienzo alberga transformación, capa a capa o camiño cara a resiliencia.
Sempre é un gusto ler a Rosa Aneiros, cunha escrita rápida e sinxela mestura realidades, como se mesturan en todas as nosas vidas. Hai cidade e parroquia, hai area e asfalto, hai museos e hortas... Merece a pena lelo, pararse en cada capítulo e animarse a plantar unhas cebolas.
e descubre todas as novidades do libro en galego