En Kabul, Zainab, unha nena de dez anos, ten un gran segredo: xoga ao fútbol ás agachadas nun recanto do patio despois das clases. Alí coñece a Sahraa, coa que compartirá a súa gran paixón e á que lle ensinará as regras do xogo. Pero teñen que ter moito coidado, as aguias e os señores corvos poden…
José Luis Baños de Cos, nado en Xerez da Fronteira en 1977, é escritor de teatro en lingua galega e novela en lingua castelá
Licenciouse en Dereito e Antropoloxía Social e tamén fixo estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Residente en Galicia, despois de vivir en Cataluña.
É autor de O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro, A espera, de Titereficcións, e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro.
Esta novela infantil publicada en Galaxia, Fóra de xogo, é a obra coa que José Luis Baños de Cos gañou o VI Premio de literatura infantil Carlos Mosteiro. En Kabul Zainab xoga soa ao fútbol procurando que ninguén a vexa pois podería traerlle consecuencias negativas. Un día oe unha voz que resulta ser Sahraa, outra nena que se interesa polo xogo e á que Zainab terá que ensinar. Ela coñece a Messi e quere ser coma el pero Zainab admira a Samira Kohestani, a primeira capitá da selección de fútbol de Afganistán. Ao longo de varios días nos que as dúas nenas se ocultaban para xogar e falar, Zainab vaille ensinando a Sahraa, que sempre vén coa súa boneca, as normas do xogo, desde o papel da porteira ás faltas e as tarxetas. Cando xa só lle queda o penalti por explicar, chegan os "homes corvos" das montañas e ven entrando na cidade. Nos seus soños Sahraa vese como unha pomba perseguida e asediada polos corvos. E así teñen que despedirse porque Zainab ten que marchar coa familia dun tío pois non ten homes na casa. Moitos meses despois Sahraa volve ao campo de fútbol canda súa nai que decide ir limpar a escola. Alí pensa en Zainab que agora debe estar moi lonxe, coma Samira Kohestani, e seguro que poderá voar tamén, mentres ela só ten a compaña da súa boneca. Esta novela achega a vida dunha infancia moi diferente á nosa, carente de todo tipo de oportunidades para as nenas, pero entre a desgraza sempre aparece un oco para a esperanza dun mundo mellor. É unha novela de fácil lectura porque só ten dúas personaxes e a trama non é moi complicada pero ao mesmo tempo dá pé a falar de diferentes temas de interese. Encantáronme as ilustracións de Agustina Shuan que na súa sinxeleza transpórtana a unha a Kabul con facilidade mantendo moi ben a imaxe das aves. Penso que pode ser lectura apropiada a partir dos 7 anos e ata uns 11, dependendo dos gustos e da capacidade lectora.
e descubre todas as novidades do libro en galego