PREMIO XOSÉ NEIRA VILAS DE LITERATURA XUVENIL 2026 Corre o ano 1934. Clara Campoamor, a primeira deputada que fala diante do Congreso español, consegue que o sufraxio feminino entre na Constitución. Outra vitoria na loita polos dereitos da muller é de Miranda Xardín, a primeira mística que admiten…
Recomendáronme varias persoas a lectura de Místicas. Curso do 34 de Álvaro Domínguez, unha novela xuvenil publicada recentemente por Galaxia despois de ter gañado o premio Neira Vilas de Literatura xuvenil neste ano. Miranda é unha rapaza que é admitida na escola de maxia Fillos de Breogán da Illa de Tambo como primeira alumna do Centro, que ata o momento só tiña alumnado masculino. A Miranda cústalle integrarse nun mundo no que os compañeiros que atopa veñen en moitos casos de familias de magos. Mentres asume que será difícil integrarse, sucede unha desgraza e aparece morto un dos compañeiros, Fortunato, e Miranda non tarda en ser acusada de invocar unha moura para cometer o crime. Agora vese completamente illada e só pode contar co seu amigo Nicanor, co que non tarda en aliarse para descubrir o trasfondo deste asasinato, pero polo camiño descubrirán moito máis. Esta novela aúna varios elementos que fan dela unha excelente escolla para o público xuvenil: dous protagonistas que loitan por buscar o seu oco dentro da escola máis aló dos convencionalismos, varias figuras moi poderosas que teñen que reivindicar o seu lugar na sociedade, o mundo da maxia tradicional e un universo narrativo que integra o tradicional cun mundo fantástico literario moi recoñecible para os fans de Hogwarts. Permite tamén conversas interesantes sobre a figura da muller, a homofobia, os prexuízos, a cultura tradicional ou mesmo a maxia. A escolla do ano 34, o nome de Marilar para a profesora... moitos flocos dos que tirar para enriquecer as conversas que poidan agromar da lectura. Desde logo creo que é unha proposta con éxito garantido: non moi longa nun mundo no que a moitos adolescentes lles custa facerse con textos extensos pero que engancha desde as primeiras páxinas, especialmente a min que son bisneta de menciñeiro!
e descubre todas as novidades do libro en galego