Galiza é unha das zonas do mundo con máis persoas centenarias que gozan dunha lonxevidade saudable. Para saber o porqué, en A arte de non morrer vaise na procura da evidencia científica, pero non abonda. É preciso sentarse a carón dos maiores e contemplar sen présa o lume lento das súas palabras; só…
A arte de non morrer é o ensaio que se fixo co Premio Ramón Piñeiro de ensaio neste 2026 e aparece agora publicado por Galaxia. O autor, Roberto Fernández Álvarez analiza desde a súa visión como médico os aspectos que fixeron que os nosos centenarios chegasen a selo. A obra debulla os factores que fan que Galicia sexa unha zona onde existe un bo número de centenarios que a fan merecedora de figurar como unha das zonas azuis do mundo respecto a habitantes que superan o século de vida. A análise destes factores leva ao autor a facer un auténtico estudo da nosa forma de vida tradicional. Os primeiros capítulos ofrecen unha serie de datos procedentes de estudos e metaanálises de datos, maioritariamente de procedencia internacional, sobre cada un dos factores: o sexo ─pois ser muller é claramente máis favorable de cara a vivir máis tempo─, a importancia da epixenética anteriormente desprezada pero que pode axudar a transmitir certos trazos, e sobre todo a alimentación, o sono e o exercicio físico. A alimentación será posiblemente o aspecto máis estudado respecto á súa repercusión na saúde. Diferénciase aquí entre fame e gañas de comer, pois a xeración obxecto de análise viviu uns tempos nos que a dieta era monótona e non pretendía saciar completamente, senón ir matando a fame máis aguda a base de caldo de crucíferas ─que a raíz desta lectura hei procurar comer con maior frecuencia─, con escasa proteína, case sempre de cocho, pouco peixe, pan da casa con frecuencia de millo ou centeo e cando é de trigo non dese pantrigo branquiño co que soñaba Balbino. Viño, tamén máis ben pouco e excesos só puntualmente nas festas. Pola contra, traballo, moito. Ese "se non podo traballar que Dios me leve", parece ser a filosofía de moitos dos centenarios analizados no estudo de Ourensividade. Algo que o autor denomina "laborexia". Ese traballo constante nunha vida que apenas concibía o ocio separado do traballo supoñía un exercicio físico constante propicio para manter a boa saúde. As leiras, a horta, os oficios ou a casa son os ámbitos habituais nos que se fai ese exercicio que contribúe polo tanto a esa alimentación tradicional. Despois o estudo remata con aspectos como a espiritualidade, a saudade ou a resiliencia respecto aos cales existen menos datos cuantitativos polo que se nos proporciona unha análise cualitativa. O noso "malo será" e o sentidiño ou moderación son calidades que nos definen como galegos e das que os nosos centenarios fan gala tamén. Aínda que esta obra parece máis un traballo de divulgación científica ca un ensaio en si mesmo, é un libro de enorme interese para poder entender como unha serie de factores confluentes fixeron de moitas persoas que hoxe son centenarias, unha xeración única, que acordou tempos de moita escaseza na súa mocidade e hoxe poden desfrutar dos beneficios dos coidados e atención médica. Gustoume moito e vinme sorprendida pola cantidade de datos, a completa bibliografía e a integración de datos científicos e referencias literarias e culturais. Lese con facilidade e apréndese moito da nosa identidade como galegos, unha identidade que a homoxeinización deste mundo global vai varrendo pouco a pouco.
e descubre todas as novidades do libro en galego