Sentín moito non acudir onte á presentación en Lugo de Praia artificial de Abraham Pérez, publicado por Fetiche. Así a todo puiden ler hoxe o poemario, breve el pero intenso. Os versos lévannos a un mundo esquemático en cinco imaxes contruídas en versos. As deusas, a eternidade á que pregamos pero viven indiferentes a nós mentres a auga, a escuma, a marea, a chuvia baten. Hai unha impotencia para transmitir coa palabra, co canto. A carne, o ser é o linde e a palabra escrita a transmisión desde o pasado, desde os autores que nos marcaron. Cal é a necesidade, irónica e cruenta, deste mundo contido naquela area da praia artificial que non chegamos pisar? E vemos ao poeta como nexo, as súas palabras descoñecidas levitan e arden sobre "a imperfección do mundo". As palabras permítennos entendelo desde a orixe: "O non pronunciado non pode deixar pegada. Os // náufragos perden a memoria." dinnos as sereas. Invócase logo á deusa allea a esta aspiración á eternidade. Uns poemas fondos, que necesitei ler varias veces e que desde a súa brevidade transmiten a esencia do noso ser, da nosa insignificancia no eterno. Estame gustando moito o que vou lendo de Abraham Pérez!
e descubre todas as novidades do libro en galego