A tita vive con Noa e a súa familia. Axuda na casa e apréndelle á nena cousas moi valiosas para a vida. Mais un día, o cuarto da tita aparece baleiro. Onde marchou? Por que ninguén lle conta nada a Noa? Unha das obras máis famosas de Concha Blanco nunha nova edición ilustrada por Miguel Robledo.
María Concepción Blanco Blanco, nada en Lires (Cee) o 19 de xuño de 1950, é unha pedagoga, mestra e escritora en lingua galega, xa xubilada. Dende o comezo da súa actividade editou libros de materia pedagóxica. Foi unha das primeiras autoras de materiais didácticos para o ensino do galego.
Con 6 anos comezou os estudos na escola local e aos 10 anos trasladouse a Ferrol para cursar Bacharelato no Instituto Concepción Arenal. Estudou Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor docente empezou na Escola de Nemiña (Muxía). Logo pasou ás localidades do Ézaro (Dumbría), Brens (Cee), Dumbría (Dumbría) e Cee, onde impartiu clases no CPI Eugenio López coma mestra de lingua e literatura galega e no IES Agra de Raíces como profesora de lingua galega e literatura.
É coordinadora e coautora de varios libros de texto de Primaria e Secundaria ademais das correspondentes guías didácticas. Foi correspondente de prensa durante varios anos e colaborou cos seus alumnos en programas de radio. Impartiu e coordinou cursos de Lingua Galega, proxectos de formación do profesorado e Xornadas da Nosa Lingua.
e descubre todas as novidades do libro en galego