Preguntácheste algunha vez que lle pasa a unha serea cando se arrefría? Ou a un vampiro se ten unha carie? Ou a unha elfa se rompe un óso ao caer dunha árbore despois de que a súa nai botase toooooda a tarde dicíndolle que non xogue nas alturas? Pode que no teu mundo non ocorran estas cousas, pero…
Unha obra na que con humor e efectividade se crean personaxes e tramas que animan á lectura. Ideal para asentar público lector en galego desde a infancia.
Hoxe tocou un libro para xente interesada en problemas deses que só existen no Val da Fantasía como é Axencia máxica de vetectives, de J. Santoro Gallego e publicado por Oqueleo. Nesta novela ideal para nenas e nenos duns 8 a 12 anos con fluidez lectora pero que xa se animen a ler novelas de certa lonxitude. Esta non resultará moi difícil pois a pesar da súa lonxitude, a investigadora Vega Vet terá tres casos diferentes que solucionar, polo que poden ser considerados de forma independentes cada un deles. No primeiro a pantasma Górico consulta os seus problemas coa invisibilidade que se lle supón e que perdeu. No segundo atopamos un vampiro con problemas dentais e finalmente no terceiro o pobre mago Rybka perdeu a súa vara máxica. Todos eles problemas nada frecuentes e que Vega Vet conseguirá solucionar. Calquera destas historias resulta fácil de seguir para quen aínda se está familiarizando con este formato de libro xa un pouquiño máis longo e, por outra banda, o gran traballo de ilustración a cargo de Ignacio Fernández fai máis atractiva a lectura e achega elementos adicionais que contribúen á elaboración de significado. A min o que máis me gustou foi o de Górico pois a propia investigadora tivo que probar unha poción de invisibilidade, a risco de quedar entalada dentro dunha parede. Unha lectura atractiva e moi recomendable para quen busque novelas fóra do habitual e cun elemento de humor e maxia.
e descubre todas as novidades do libro en galego