Chulisimo
A miña última lectura foi A profecía do armadillo de Zerocalcare publicada en galego por Rinoceronte en tradución de Moisés Barcia. Esta novela gráfica que intuímos notablemente autobiográfica presenta a Calcare en diferentes capítulos da súa vida e cos seus amigos, Secco, Greta e Camile. Cada capítulo presenta unha escena que a modo de mosaico van compoñendo a vida do protagonista. Sempre onda el aparece o armadillo que, como a súa conciencia, dialoga de forma constante con el e facendo que se decida sempre pola opción máis doada e que adoita ter o peor resultado. Camile aparece ao longo de toda a novela, bonita, alegre e con gran sintonía co protagonista que non se atreve nunca a buscar algo máis con ela pois sempre aparecen escusas. Ela parece buscar axuda pois os seus monstros son terribles e como unha sombra están ao axexo mentres ela vai adelgazando e mais perdendo a alegría da primeira xuventude. A súa morte será a sombra que percorra e unifique a novela: o seu recordo manterase nos protagonistas mentres entran no mundo adulto. Atopamos unha forte presenza de elementos dos anos noventa e primeiros dous mil: videoxogos, películas, series, ou música que farán que os nados nas décadas dos oitenta e noventa se vexan moi reflectidos. A representación de varios personaxes como animais ademais do propio armadillo contribúe ao carácter moi persoal do álbum, algo que tamén vemos nos debuxos do autor. En conxunto, pareceume unha lectura moi diferente e interesante.
e descubre todas as novidades do libro en galego