Es quen de mover cousas coa mente? A que sabe a cor azul? Pareceríanos normal escoitar estas preguntas nunha conversa entre Harry Potter e os seus colegas. Mais Juan Casto Rivadulla Fernnández nunca estivo en Hogwarts. É un neurocientífico galego que responde estas cuestións tan disparatadas mentres…
A que cheiran as cores? Baixo este título tan suxestivo atopamos este fantástico libro de Juan Casto Rivadulla Fernández con ilustracións de Nuria Díaz que nos abre as portas do noso cerebro. Este libro (que na miña biblioteca escolar estaba equivocadamente ─creo eu─ clasificado como libro para alumnado de primaria) é unha guía detallada sobre o funcionamento do noso cerebro. Paso por paso explícasenos o funcionamento, o desenvolvemento, os coidados e as curiosidades máis insólitas sobre o funcionamento do cerebro. Debo dicir que aprendín moitas cousas coa súa lectura e o que máis me gustou foi a claridade das explicacións, que non requiren maior formación previa en bioloxía ou química, e as analoxías utilizadas nas explicacións. Que é o sonambulismo? e a sinestesia? como nos afectan as drogas no desenvolvemento do cerebro? E todas estas explicacións sementadas de exercicios sinxelos para que probemos o funcionamento das nosas neuronas. A lectura deste álbum ilustrado será unha perfecta porta de entrada ao mundo da ciencia espertando a súa curiosidade e interesa desde exemplos da vida diaria. Tamén propón reflexións para lectores intelixentes. Existe a realidade fóra do noso cerebro? e como é? porque realmente o que percibimos é simplemente o constructo das nosas neuronas partindo da información proporcionada polos sentidos. Inquietante, non? Para min un dos mellores libros de ciencia que vin ultimamente e a perfecta lectura para calquera lector de final de primaria ou primeiros cursos de secundaria con interese por ver a ciencia desde un punto de vista moi diferente ao do libro de texto.
e descubre todas as novidades do libro en galego