Rosalía de Castro foi, sen ningunha dúbida, unha muller avanzada ao seu tempo. En pleno século XIX, cando a vida das mulleres practicamente se reducía ao fogar, unha escritora nova loita por expresarse libremente nunha sociedade que a ignora e a censura. A súa obra fálanos da súa terra, da opresión…
Acaba de saír Rosalía oculta, unha obra de Paula Mayor en banda deseñada coa que nos agasalla Galaxia polo día de Rosalía deste ano. Encantáronme as ilustracións e creo que achegan moi ben a Rosalía real, fóra do personaxe e do mito que os anos foron creando a partir da súa figura. Vemos nesta obra as orixes e intereses dunha Rosalía xove, a súa peripecia vital, sempre en movemento pero atenta a todo canto a rodeaba: problemas persoais ou sociais nunha época moi convulsa. Sorprendeume favorablemente nesta obra que a autora decidise apartarse das imaxes e fotos que temos de Rosalía, para crear un personaxe propio ao que darlle unidade desde a infancia e recoñecible ao longo de todo o libro. Tamén me sorprendeu a cantidade de texto que hai en castelán pois a narración faise en boa parte da obra nas propias palabras de Rosalía ao longo das súas obras, moitas delas en castelán. Creo que para moitos de nós a súa obra en galego eclipsou os seus escritos en castelán, que aquí son usados moitas veces como parte da narración, dándolle maior verosimilitude pois, ao fin e ao cabo, son as súas verdadeiras palabras. Outro elemento que me gustou é o contido extra final: ilustracións para poemas concretos e a liña temporal da súa vida, moi útil para calquera namorado da súa obra que desexe ver como se integran vida e obra. Unha moi interesante novidade editorial que espero que teña gran acollida entre o público, novo e adulto. A min desde logo gustoume moito.
e descubre todas as novidades do libro en galego