Con E de cursuspín de Mario Obrero é deses libros imprescindibles para todos os que amamos as linguas e o seu universo. Eu lin a versión en galego de Rinoceronte con tradución de Moisés Barcia. Neste libro cada capítulo é unha carta dirixida a unha lingua diferente: castellano, galego, aragonés, català, aranés, asturianu, estremeñu e euskara. Todas estas linguas conforman o universo lingüístico do noso país, o pensamento dos seus falantes e vernizan as nosas crenzas e ideoloxías. Máis aló das curiosidades que un pode aprender sobre cada unha destas linguas, o que vemos é como cada unha destas linguas é moito máis ca un medio para comunicarse, é a raíz que nos ata aos nosos devanceiros, que conforma o noso pensamento e nos achega aos demais. Sorprende que sexa unha persoa de Getafe quen teña a sensibilidade para ver a beleza da diversidade lingüística que ás veces os monolingües tenden a ver como un engadido innecesario que non aporta moito e da que mesmo se chega a desconfiar. Linguas coma o éuskaro son supervivintes dun pasado secular, a cabalo entre dous estados, outras como o asturianu, estremeñu ou aragonés non teñen recoñecemento oficial e son vistas, ás veces polos seus propios falantes, como dialectos menores. O galego vive horas baixas pola perda de falantes e mesmo o catalán non ten a mesma situación nos diferentes territorios onde se fala. Que dicir do aranés? Na miña experiencia moito do meu alumnado galego non sabe nin que existe. Cada unha é valiosa e sería necesario que viramos normal poder estudar con normalidade calquera destas linguas ─non xa no seu territorio, senón noutros do estado─, a fin de poder poñernos nos zapatos de quen son falantes habituais, poder percibir o mundo desde ese outro punto de vista pois coas linguas as relacións de elementos non son relacións unívocas simples, senón que hai unha permanente complexidade, ás veces no vocablo, ás veces na historia ou orixe do mesmo, ás veces nas connotacións. Cada lingua é un universo e este libro trata destes universos e das relacións entre eles. Encantoume o libro, encantoume o respecto que hai detrás e encantoume a tradución.
e descubre todas as novidades do libro en galego