📚Quedei impactada coa lectura de O silencio non arrola, a novela coa que Adrián Noia obtivo o Premio SELIC 2025 que saíu publicada en Edicións Positivas e que me fixo chegar o propio Adrián. Esta novela iníciase co interese de Sara, unha rapaza na que se acende o interese por saber máis da súa liña familiar feminina na que a bisavoa Encarnación desapareceu ao comezo da Guerra cando a súa filla Fina era só unha nena. Fina hoxe xa non pode falar aínda que parece seguir o proceso desde a distancia da súa enfermidade. O tempo, a falta de documentación e a progresiva desaparición de testemuñas fiables fan que a investigación resulte máis complicada do inicialmente previsto. Saber onde está enterrada a bisavoa vai ser case imposible pero o proceso de investigación é tamén un proceso de descuberta da complexidade da etapa, das inxustizas ocorridas ademais das dificultades que enfrontaron os protagonistas. Despois dos primeiros capítulos conseguín entrar a fondo na narración, esa busca de respostas arrastroume ao longo do resto do libro pois igual que Sara necesitaba coñecer que pasara con Encarnación, Daniel e o resto de personaxes ausentes pero presentes no resto. Fina é o recordatorio de que as testemuñas, de primeira e mesmo de segunda man, van pouco a pouco esmorecendo co tempo deixando ao resto sen posibilidade de obter as respostas necesarias. Esta é unha obra que se centra na necesidade de respostas, e na forma na que o pasado vive en nós ou mesmo deixa un baleiro que necesitamos encher para poder vivir porque como di o título "o silencio non arrola". Creo que conectei coa narración polo paralelismo con certos aspectos da miña historia familiar pero está moi ben escrita, cunhas personaxes femininas moi ben trazadas e cun final que non busca dar todas as respostas senón aportar verdade. Unha gran novela sobre Santiago, sobre o noso pasado e sobre a necesidade de coñecer o pasado para poder entender o presente así como facer xustiza a quen xa nunca terá a voz. Respecto á forma, pareceume unha moi boa edición que fai xustiza á narración. Unha gran lectura para coñecer o noso pasado!
e descubre todas as novidades do libro en galego