┴s tres menos vinte da madrugada do xoves 11 de outubro de 1990 Filucha pousou a súa copa na barra dun local das aforas de Santiago e dixo que era mellor marchar porque había exame á segunda hora. Xiao caía co sono e pasou a noite no meu cuarto, na miña cama. Erguémonos ás oito e media e saímos os…
José Carou Rey, nado en Rianxo en 1969, é un profesor e escritor galego.
Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesor de Filosofía no IES Praia Barraña de Boiro.
Escribiu crítica de cine para Sermos Galiza, Diario de Arousa e Cinemadicción, ademais de colaboracións ocasionais para o suplemento cultural Barbantia (La Voz de Galicia).
Ventre de madeira é a novela breve coa que José Carou gañou o XXXI Premio de novela curta Manuel Lueiro Rei. Un libro que atopamos publicado en Galaxia e que recolle a pegada da morte no narrador e o pouso que esta deixou ao longo da súa vida. Abre o libro coa morte da nai, que quixo deixarlle ao seu fillo unha cabana nunha árbore cando o prognóstico que tiña era xa definitivo. Así tería onde gorecerse en tempos difíciles que non habían tardar en chegar. Mais a morte dos maiores é algo que deixa cicatriz pero a vida vai asumindo. Xa no finais dos anos 80 en Santiago o protagonista e os seus amigos e compañeiros na facultade de Filosofía exploran os camiños vitais a seguir: saen, pensan, falan, fuman buscando sempre o seu sitio no mundo. Entre eles Xiao, un personaxe singular, famento de historias que o levaban a roubar libros ante a impaciencia por facerse coas súas historias. Sempre correcto, sempre considerado, sempre sedento de máis libros, era o amigo perfecto nese Santiago que hoxe xa non existe. Moita reflexión sobre a vida, os lugares, o tempo. E un día Xiao desaparece e esa ferida foi difícil de soportar. Máis de trinta anos despois o narrador sente esa débeda con el, a amargura da vida posterior deixou portas sen pechar. Esta novela presenta personaxes recoñecibles pero, para min como estudante en Santiago nesa mesma época, tamén lugares e sensacións xa perdidas na memoria. O atentado de Clangor, o ambiente nocturno, a cidade sen esas extensións posteriores, o problema da heroína. Por desgraza tamén os meus primeiros contactos coa morte e coa perda. Por todo iso, quizais, unha novela que me chegou fondo.
e descubre todas as novidades do libro en galego