Os versos de «Réquiem», estruturados como un acto relixioso, conforman un poemario coral que honra os asasinados pola barbarie fascista na Illa de Arousa. A memoria das vítimas mestúrase coa paisaxe e co mar, símbolo de dor mais tamén de esperanza, e as súas voces resoan coma ecos na auga,…
Hai libros que son unha homenaxe. Este é un deles. Réquiem de Eugénio Outeiro é a obra de poesía gañadora do XXVIII Premio de Poesía Johán Carballeira de 2025. Nesta obra rédense homenaxe ás vítimas asasinadas polo fascismo na Illa de Arousa. A obra ten a estrutura dun acto relixioso católico, un réquiem, un funeral tradicional coas súas secuencias nomeadas en latín: introitus, kyrie, sequentia, homilías (unha por cada homenaxeado), sequentia, offertorium, sanctus, benedictus, agnus dei e communio. Cada unha das partas desenvólvese en un ou varios poemas ou oracións poéticas, reflexivas, duras en definitiva. Cada poema presenta un diálogo entre a oración e a voz lírica que responde, establecendo unha conversa que explica, aclara e homenaxea a estes homes que viron cortadas as súas esperanzas vitais como resposta á súa posición política, social e persoal. A morte presentóuselles aos asasinos como a única forma de acalalos, a forma de rematar con todo diálogo ideolóxico, a forma radical para silencialos. Gústame a estrutura do libro que creo moi acaída para o seu contido pero tamén é un acerto a lingua: esa evocación do mar como imaxe que percorre o conxunto de poemas, ese mar que vén, vai e mesmo agochou algúns dos corpos para sempre. Desde logo temos ante nós unha gran homenaxe a estes homes que o seu tempo non permitiu honrar e a quen Eugénio Outeiro canta para rescatar do esquecemento colectivo.
e descubre todas as novidades do libro en galego