En Lunaria, humanos e teriántropos conviven baixo unha suposta paz. Cada dezasete anos, cando as carricantas agroman da terra, celébrase o Sorteo dos Primoxénitos, o que significa que comeza a cacería. Kiran Lobo, fillo dun humano e dunha lince boreal, foi adestrado para sobrevivir ao Rito dos…
Ledicia Costas Álvarez, nada en Vigo o 19 de setembro de 1979, é unha escritora galega. Gañou o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2015, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta e tres veces o Premio Lazarillo. Empezou moi nova no mundo da literatura, escribindo as súas primeiras novelas en plena adolescencia. Licenciada en Dereito Económico pola Universidade de Vigo, desde hai varios anos dedícase en exclusiva á creación literaria. É unha das coordinadoras da revista dixital Criaturas, dedicada á Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia. En 2020 foi Premio da Cultura Galega e en 2023 Medalla Castelao.
É unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas de literatura infantil e xuvenil da literatura galega, e os seus libros son constantemente reeditados e foron traducidos a varios idiomas. Foi a primeira persoa en gañar tres veces o Premio Lazarillo (2015, 2017, 2021). No último (A lebre mecánica) os membros do xurado emitiron o fallo por unanimidade sinalando que se trata dunha "obra cun bo nivel de linguaxe para adolescentes" que abrangue temas como a diversidade de xénero e o xogo, e que combina o relato "de forma equilibrada e os diálogos con “reflexións contrastadas acordes coas vivencias da idade”.
Onte collín este libro de Ledicia Costas nas mans e pouco máis de vinte catro horas necesitei para lelo. É desas obras que unha non dá pousado porque consegue atrapar ao lector dentro do universo que crea. Soños de Lunaria é a última obra coa que a autora consegue crear aquí unha obra de romantasy en liña co que buscan moitos dos nosos lectores adolescentes e que ata o momento non tiñamos na literatura en galego. Lunaria é un mundo de fantasía onde conviven bestas, humanos e teriántropos. Kiran, o príncipe herdeiro de Lunaria vive a súa xuventude de forma despreocupada cando espertan as carricantas e agroman da terra, algo que só sucede cada dezasete anos coincidindo co sorteo dos primoxénitos que recolle o Tratado de Lunaria. Nese sorteo Kiran vese destinado a pelexar por sobrevivir nunha loita a morte contra unhas criaturas elixidas pola súa letalidade, especialmente o ornux. Mais Kiran non é un príncipe calquera, é un teriántropo tamén pois súa nai era unha lince boreal que se uniu a seu pai por motivos de estado. Por esta razón non é querido por seu pai e este sorteo será a escusa perfecta para conseguir apartalo do mapa evitando que Lunaria afronte cambios. Así a todo, Kiran conta con Ru e Felith, coa súa irmá Ari, Liliana e Irina, todos eles amigos fieis que confían nel e no seu potencial. Durante a loita el terá que aprender a ter fe en si mesmo buscando o seu destino desde a mente, sen apartarse do seu propósito. Soños de Lunaria comeza de forma lenta mentres nos imos facendo co contorno de Lunaria pero de seguida vémonos inmersos nun mundo de fantasía con gran coherencia interna, moi ben elaborado e cunha acción trepidante que non nos permite pausar a lectura. Entendo que este libro é a primeira parte dunha serie que se inicia con Coroa de espiño e da que eu, desde logo, estou desexando xa ler máis. Algo que tamén me sorprendeu desta obra é edición tan coidada que parece unha edición especial e que desde logo chama polo lector. Despois de rematar a lectura podo dicir que o interior está canto menos á altura da preciosa edición.
e descubre todas as novidades do libro en galego