No continente de Anterga a natureza e as palabras están desaparecendo. A poeta Viri e o seu irmán Lauro medran nun orfanato onde a lingua antiga só serve para despedir os mortos. Un día reciben un convite misterioso e emprenden unha misión para salvar o mundo, desafiando a opresión que sofre o seu…
Acabo de rematar a última novela que me quedaba por ler dos Premios Xerais deste ano, A lingua dos grifóns de Santiago Lopo e pareceume unha excelente lectura para público adolescente pois consegue crear un moi logrado mundo de fantasía onde a palabra é o xerme da vida e a súa perda o declive de toda unha civilización. Dúas illas habitadas coexisten no mundo pero Anterga está sendo explotada e sometida por Héremos que ten un plan secreto para facerse cos seus recursos mineiros ata conseguir anulala totalmente. Así, en Anterga a natureza vai decaendo e os dirixentes actuais manteñen un acordo que os somete aos designios e necesidades da illa veciña. Desde o Lar da orfandade faise chamar a dous orfos que aínda recordan a lingua antiga que lles falaban os devanceiros. Agora está prohibido falar ou cantar nesta lingua e con ela van esmorecendo os recordos dese antigo mundo de liberdade. Viri e Lauro son os irmáns orfos que aceptan a misión de intentar liberar o seu país sen saber que as probabilidades de fracasar son inmensas e que tampouco son os primeiros enviados a unha morte segura. Mais Viri e Lauro teñen determinación e da súa man virá a esperanza dos que desde Vivalia manteñen protexida a forza rexeneradora das palabras. Os irmáns, o mundo de Vivalia e os grifóns terán na súa man cambiar o rumbo de Anterga. Esta novela de fantasía crea un mundo moi consistente no que a lingua ten gran relevancia. Os obxectos son e reviven na medida en que se usan os termos que os denominan. O logos ten aquí o poder creador ou polo menos "revividor". Tamén vemos como a dominación está moi centrada na represión da lingua, da música, da cultura, a fin de eliminar o seu poder na sociedade. Esta é unha novela que seguro que vai gustar moito e á que eu desde logo xa lle vexo unha segunda parte que nos descubra o mundo antigo da gruta da mantícora xunto con novas aventuras destes irmáns.
e descubre todas as novidades do libro en galego