Premio García Barros 2026 Sempre fun transparente. As miradas atravésanme: non existo. Nunca ninguén me tomou en serio. O meu tempo de comprender chegou tarde, coma se a miña vida anterior fose un ensaio; un simulacro que me preparase para o derrubamento que me esmagou despois. A xente non me cre,…
Estaba desexando ler A muller de mentira despois do moito que me gustou Os mortos que amei de Iria Collazo tamén en Galaxia. Este é un libro de autoficción, biográfico, con textos curtos e moita reflexión. Desde logo o tipo de libro que a min me gusta. A narradora fálanos da súa relación de parella e ruptura. Desde unha relación que está rematada, desenvolve unha serie de breves capítulos sobre diferentes aspectos que a levaron ao punto actual: os sentimentos que foron aparecendo e o declive dunha relación que a posteriori non entende como puido pensar que tería futuro. Preséntasenos como unha muller transparente, de mentira, que procura ocupar pouco lugar, estar en silencio, non chamar a atención. Obviada moitas veces polos demais, e desde logo tamén por esta parella, e escribindo sempre busca a aceptación dos demais: "Eu escribo para que me amen". Bonita, en cambio, esa relación coa escrita, que foi sempre a mellor compañía aínda que nunca fose Yolanda Castaño. As escritoras son tamén lectoras como nos queda claro por tantas visións sobre o amor e as relacións que nos transmite a través doutras voces que expresan o que ela foi sentindo. Esa é a maxia da lectura, sentir que iso que nós sentimos xa o sentiron outros e foron quen de expresalo cos mesmos matices que quereriamos nós poder compartir. O tempo vai permitindo ver o que os comezos dunha relación ocultan: o desapego, a relación desequilibrada, as mentiras, a capacidade para mentir cunha naturalidade que mina a confianza e, finalmente, o engano e o deterioro definitivo da relación. Os seis anos supuxeron un empequenecemento, "de tan pequena que me volvín, un día perdinme e nunca máis aparecín". Mentres tanto, el está seguro e non renuncia a nada. A ruptura dunha relación que carece de tenrura, de equilibrio, non nos colle por sorpresa. Que me gustou? A forma delicada na que a autora é capaz de expresar sentimentos e emocións de enorme fondura e facernos partícipes de algo tan íntimo, provocando unha conexión total coa lectora. A estrutura lixeira, a base de textos breves que nos van envolvendo. Un libro para conectar co máis íntimo.
e descubre todas as novidades do libro en galego