Ana Romaní Blanco, nada en Noia o 5 de agosto de 1962, é unha poeta e xornalista cultural galega, académica numeraria da Real Academia Galega.
Participou na creación da Asociación Cultural Catavento de Noia (1983) e da revista artesanal Carabela de Xiada (Noia, 1983). Entre 1985 e 1989 foi actriz de dobraxe. En 1988 realiza con Chema Gagino o programa de humor A Viborona en RNE-Radio Catro. En 1989 incorpórase á Radio Galega. Desde 1990 ata xullo de 2018 dirixe nesta emisora o programa Diario Cultural, de emisión diaria. Desde este programa promoveuse o libro-CD Narradio. 56 historias no ar, e desde o ano 2007 o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, entre outras iniciativas de fomento da experimentación de formatos na radio pública. Romaní mostrouse sempre clara defensora dun modelo de radio pública e galega.
Este poemario, Love me tender, é unha edición ampliada do poemario escrito hai máis de vinte anos por Ana Romaní e que temos agora da man de Chan da pólvora. Esta é unha obra na que partindo do dato de que dun 30% a un 50% das mulleres sofren violencia a mans das súas parellas desenvolve esa experiencia dolorosa ao longo das súas fases e emocións. O eu lírico que percorre os poemas parte da fascinación inicial na que se presenta un amor que non tarda en esixir unha entrega total a cambio dun amor teórico ao que non tardamos en ver elementos tóxicos: Que me amaba que daría por min que subtraería dos seus ollos o sol para iluminar o altar no que me adora e tras esas promesas e entrega total vemos cando me ve fregando as frías baldosas do noso amor con lixivia amor con lixivia Pouco a pouco vese tecida nunha rede de sometemento no que se pasa a vivir en función do outro, para ser o complemento de, e non para unha mesma, non tardando en verse as gretas: Que só sexa oco feliz Pero a loita está aí, "resístome á ruína". En Fuga atopamos xa o baleiro, o momento no que estoupa todo e en Cilindro, chégase á casa, á orixe, aos "cadernos desgastados // coas marcas da liturxia", nun proceso de dó que se atopan arestas, xuntas, riscos, manchas e mofo. Pola súa banda, en Roda o cilindro mantense a estrutura dese "amor de engano e mazadura" pero a casa finalmente reconforta e ábrese de novo á vida tras retirar o anzol. O mapa do proceso atopámolo finalmente na visual Danza insurrecta, caligrama que nos dá as claves do proceso. O libro conclúe coa análise do texto de María Xesús Nogueira Anxo Quintela e María do Cebreiro, que poderían ter estado igualmente nas primeiras páxinas a fin de contextualizar mellor o texto. Persoalmente creo que é un texto brillante que ben merece esta reedición porque non hai forma de expresar este tipo de relación de forma máis emocional e que chegue mellor ao lector. Encantoume!
e descubre todas as novidades do libro en galego