A través da vida de Rosalía Carcedo (1911-1972) faise unha viaxe durante unha parte do século XX, desde a Galicia da que ela era natural, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe na que volveu vivir durante a Ditadura e na que continuou exercendo a súa profesión,…
María Luísa Castro Cerceda, máis coñecida como Marisa Castro, nada no barrio da Ponte da parroquia de San Lázaro de Lugo o 20 de decembro de 1955, é unha bióloga, profesora universitaria e investigadora galega.
Marisa Castro estudou na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en bioloxía e profesora titular na área de botánica, departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo, na Facultade de Bioloxía e Ciencias do Mar da Universidade de Vigo.
Especialista en micoloxía, é unha das maiores estudosas da botánica de Galicia. Foi vicepresidenta da Sociedade Galega de Historia Natural de 1980 a 1986 e presidenta do Grupo Micolóxico Galego Luís Freire.
En A saga das curandeiras a bióloga Marisa Castro preséntanos unha novela na que unha xornalista chega a Soutelo para falar con Eva e así reconstruír a saga das curandeiras da súa familia que, coma ela, son loiras, de ollos claros e recibiron uns coñecementos ancestrais que poderían chegar a perderse. A súa avoa Lía aprendera as artes como curandeira da avoa Mari Pepa á morte de súa nai Lucía; herbas, visións co rosario, composturas de ósos, etc. Ao morrer a avoa ela emigrou a Madrid nos anos trinta e alí viviu os tempos da república e a sublevación do 36 nun ambiente no que tamén coñeceu ao seu home e outras amizades republicanas. Ao remate da guerra volve para a aldea embarazada de Sara e cando por fin chega tamén o seu home vese obrigado a cambiar de nome e traballar discretamente como carpinterio. Finalmente é delatado e acaba encarcerado en Madrid e traballando no Valle dos Caídos onde morre. Lía retoma e perfecciona os seus saberes como curandeira coa axuda dos libros mentres cultiva as herbas necesarias na horta. Vai criando a Sara que queda embarazada, dando así unha nova herdeira para esta saga de curandeiras. Esta primeira novela de Marisa Castro aúna unha trama moi interesante con esa atención ao detalle e un extenso coñecemento das propiedades das plantas e dos saberes tradicionais que ten como bióloga. En canto á lingua, atopamos moitos rasgos dialectais da zona de Lugo, algúns deles dentro da normativa e outros non, combinados con moito vocabulario do mundo natural e mesmo da ciencia. O libro aborda numerosos temas: os saberes tradicionais, o poder da igrexa e do clero na vida da xente, a situación política e social durante o século XX, o perigo que supoñen socialmente as persoas formadas ou con interese por defender a súa forma de pensar, a riqueza dos saberes tradicionais ou a miseria da vida no campo ata non hai tantos anos. Un libro moi interesante para quen pretenda achegarse a estes temas e, para aqueles que necesiten unha versión máis accesible, Edicións Hércules publicou tamén unha versión de lectura fácil co título de A familia das curandeiras.
e descubre todas as novidades do libro en galego