Latexos é o poemario de Beatriz Dourado e Irene Sanjuán gañador do Premio Arume de Poesía para a infancia que foi publicado recentemente por Embora. Esta é a miña lectura de hoxe pois sempre gusto de ler poesía dedicada aos máis pequenos. A poesía non é sempre o xénero que vén á mente cando pensamos en libros infantís e mais este xénero préstase moito á lectura pausada, á repetición e ao deleite na forma con medio para chegar ao fondo do contido. Tamén se presta a ler máis ou menos, segundo apeteza ou sexa un capaz, sen perder fondura ou argumento. Latexos é todo un percorrido polo noso corazón, polos seus latexos, os nosos afectos e como os expresamos aos demais, os escritores que falaron do corazón na nosa literatura, as cancións que nos levan a el, etc. Resúltame difícil elixir polo tanto un poema favorito pero creo que me vou inclinar por Amor cocho: O querer non ten olfacto, nin nariz, o corazón; por iso ata nos cortellos se respira moito amor. Os mellores matrimonios son os dos porcos e as reses, sempre repletos de merda, patas, fociños e dentes. Non discuten por limpeza, aforran moita enerxía, que empregan en darse bicos, lambetadas e caricias. Canta verdade neste poema tan cocho! Poemas variados, con rima e moi atractivos para facer lecturas individuais ou conxuntas. Coma sempre, un libro deste tipo ten o complemento perfecto da ilustración nas que Irene Sanjuán potencia o efecto dos versos cunha sorprendente cor azul. Un libro indispensable para quen busque unha lectura que anime a lanzarse á poesía con todo o corazón!❤️
e descubre todas as novidades do libro en galego