Xesús Rábade Paredes, nado en Seixas (Cospeito) o 20 de xaneiro de 1949, é un profesor e escritor galego.
Comezou a traballar de carteiro e estivo un tempo en Berna (Suíza) traballando nos anos setenta. Posteriormente dedicouse ao ensino de lingua e literatura en secundaria nos IES Xelmírez e Rosalía de Castro.
Literariamente ten cultivado o ensaio, a narrativa e a poesía. Comezou moi cedo a súa carreira literaria e figura na antoloxía Os novísimos da poesía galega. Traballou en tarefas de normalización lingüística e cultural: formación do profesorado, reforma educativa, elaboración de textos e material escolar, publicación en prensa de numerosos artigos, algúns recollidos en libro, sobre a situación social da lingua. De 1992 a 1995 foi Coordinador Docente de Lingua galega.
Membro do colectivo de renovación poética Cravo Fondo, a súa obra foi antologada e traducida a varias linguas. É membro fundador do PEN Clube de Galicia.
Está casado con Helena Villar Janeiro, sendo os pais da poeta María do Cebreiro Rábade e do músico de jazz Abe Rábade.
Ten usado o pseudónimo de Matalobos.
Unha historia complicada e persoal, cun estilo moi reminiscente das miñas propias lerias escritas nun caderno para me desfogar: repetición de elementos, moito remoer nas mesmas ideas e moito divagar. Un estilo moi realista para o que reflicte a narrativa (un caderno escrito por un recruta nun campamento militar), pero que pode resultar un pouco pesado de ler. Encantoume especialmente o vocabulario e as expresións utilizadas polo autor, están moi conseguidas. Meu pai, que me recomendou o libro, comentou que eran talmente as que utilizaba el na aldea e nos seus tempos mozos. Euclides, nada mal fixeches.
e descubre todas as novidades do libro en galego