Luis Ángel Sánchez Pereiro, máis coñecido como Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos o 16 de febreiro de 1958 e finado na Coruña o 24 de maio de 1996, foi un escritor e poeta galego. O ano 2011 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Naceu en Monforte de Lemos, de familia procedente do Incio. Estudou nos Escolapios e comezou a escribir con 15 anos. Tras rematar COU marchou a Madrid, onde comezou Ciencias Políticas e Socioloxía. Logo dunha estancia en Monforte traballando na empresa familiar, adicada ao vidro, regresou a Madrid para estudar lingua inglesa, francesa e alemá. Alí fundou a revista Loia, xunto a Antón Patiño, Manuel Rivas e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro.
Cara a 1981 marchou vivir á Coruña, onde se une á revista La Naval. Neste período entrou en contacto con poetas como Xavier Seoane, Francisco Salinas Portugal ou Xulio Valcárcel. Participou en antoloxías coma De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), e colaborou en revistas como La Naval, Trilateral, Anima+l e Luzes de Galiza. Esta última publicaría en 1997 os oito capítulos da novela curta Náufragos do Paradiso. A súa obra tamén se espallou na música, participando en letras do grupo do seu irmán Xosé Manuel, Radio Océano.
En 1983 e 1987 viaxou canda Fernando Saco por Europa. Traballou como tradutor do alemán, francés e inglés de dobraxe de cinema e, sobre todo, de televisión tanto convencional (episodios de Dallas, Kung Fu e a primeira tempada d'Os novos) como porno.
Publicou dous poemarios en vida, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). En 1996, ano da súa morte, saíu á luz Poemas para unha Loia, que recolle obras da época madrileña, publicadas na revista Loia. Inclúe o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, publicado no número 27 de Luzes de Galiza.
Hai libros que hai que ler no seu momento. Recordo ter lido este poemario de Lois Pereiro hai anos, posiblemente cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas e que me gustara, pero a relectura actual deixoume sen palabras. É un dos libros máis logrados que lin en moito tempo. Cando un xa é capaz de poñerlle data ao fin dunha vida é cando é finalmente de tomar distancia cun mesmo e cos demais e entenderse de forma radical. Iso é o que atopamos aquí, uns preciosos versos de amor no final, un amor que se sabe sen continuidade, que non ten nada que ofrecer e máis segue amando. A medida que avanza o libro, e as datas do título, aparece a conciencia da inmediatez da morte, do pouco tempo, da enfermidade, da batalla perdida, do afundimento. Somentes intentaba conseguir deixar na terra algo de min que me sobrevivise sabendo que debería ter sabido impedirme a min mesmo descubrir que só fun un interludio atroz entre dous muros de silencio (Acróstico) Trata temas como a soidade, o amor non correspondido, a esperanza de ser recordado, a importancia do presente cando non hai moito máis... a vida en definitiva, que só parecemos comprender plenamente coa conciencia da súa brevidade. Fermosa como a morte que se invoca exerces a beleza internamente emocionando ás sombras máis letais e irreductibles descubrindo a presencia de vestixios de vida nas máis opacas ruínas só cunha ollada abortas a ofensiva da dor que se aveciña XXVI (Un presente no día de Santa Ana) Versos elegantes que van evolucionando ao longo do libro, que enganchan co seu poder magnético e que atrapan ao lector. Un libro magnífico!
e descubre todas as novidades do libro en galego