Antía Yáñez Rodríguez, nada en Burela o 9 de agosto de 1991, é unha escritora galega.
Estudou Secundaria e Bacharelato no IES Perdouro (Burela). Enxeñeira de camiños, reside en Cecebre (Cambre), onde xestiona unha academia e fai obradoiros literarios para rapaces.
En 2018 gañou o premio Illa Nova con Senlleiras. É a historia de dúas mulleres, Alana (moza pobre) e Alda (influencer), en tempos diferentes, comezos do século XX e comezos do século XXI, pero cun mesmo problema, o maltrato dos seus homes. Na obra hai diferentes narradores e intégranse textos xornalísticos, das redes sociais etc.
En 2020 entrou na directiva da AELG. En 2022 publicou Non penses nun elefante rosa, onde trata o tema da saúde mental, en particular o TOC.
Vivindo como vivo a poucos quilómetros de Portomarín, non ten perdón que non lese ata agora O misterio de Portomarín que publicou hai uns anos Antía Yáñez na colección Árbore de Galaxia. Esta novela preséntanos a catro irmáns, Antón, Sabela, Iria e Carola, que chegan coa súa nai a Portomarín para pasar o verán no albergue de seu tío Iago. Portomarín é un lugar aburrido e logo descobren que aínda terán que axudar a acabar de rematar a preparación do albergue. Alí en Portomarín aparece un pobre cadeliño abandonado, Venres, e a nai permítelles quedar con el mentres se encarguen de coidalo eles mesmos. Cada día van descubrindo novas cousas da vila, a igrexa cos seus números azuis nas pedras, a vila vella abaixo no val recachada agora pola seca, as historias dos veciños que acordaron a guerra e a muda á vila nova. Baixando preto do río, chegan ás casas e alí Venres descobre o óso dunha muller que presumiblemente leva alí desde o solagamento das casas. De seguido os medios fanse eco e os cinco deciden investigar que puido pasar. Atopan moitos fíos pero nada definitivo: uns policías pouco profesionais, don Marcelino que este ano veu á vila antes de tempo, a señora Carmiña que tamén ten un albergue e lembra a vida na vila vella, ou o misterioso crego que lles propón organizar o material que quedara abandonado tralo traslado e que ten almacenado. Unhas fotos atopadas e as preguntas que van facendo lévanos a buscar unha explicación ao que ocorreu moi preto hai xa setenta anos. Encantoume o ben que Portomarín é o pretexto para explicar o franquismo, o que foi a guerra civil e algunhas das penurias que pasou a xente da localidade (perda de terras, vilas nas que non se valoraron ben as propiedades e a xente tivo que emigrar, a perda da pesca polo encoro...) e a acción é fácil de seguir para os rapaces de 10 a 14 anos. Recordoume os libros de Enyd Blyton (catro rapaces e un can) pero moi ben ambientado nun lugar próximo. A lingua é moi natural e áxil polo que non resulta difícil identificarse cos protagonistas ou collerlle cariño a Venres. Unha lectura fantástica para preadolescentes e maiores!
e descubre todas as novidades do libro en galego