PREMIO GARCÍA BARROS 2020 Camila viviu durante décadas unha mentira sostida coa complicidade dos que a rodean. No seu regreso á vila de Briana, no verán de 1987, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade. Alí, Antón, o ferreiro artista, pechouse no seu mundo, a arrastrar a dor e a culpa dos…
(4,75 / 5) Que fartura de chorar, meu Deus. Eu souben desde que lin a sinopse que a historia de Antón ía acabar comigo, e así foi. A traxedia da súa historia con Olga rompeume un pouquichiño máis que a traxedia do libro enteiro, que non é pouca. Se o libro fose só deles dous, de Aurora, de Santiago e incluso de Vicente e Catarina, creo que levaría cinco estrelas. Pero Camila... Nunca lle tiven moita simpatía a Camila. Como protagonista fíxoseme a personaxe menos interesante do libro e cada vez que a narrativa volvía a ela quedaba un pouco disgustada. E por non falar do seu lío con Froilán... Que lle levas máis de dez anos, por Dios. O final onde por fin se recupera da súa amnesia tamén se me fixo algo atropelado. Con todo, acabei prendada desde libro. Seica é o primeiro da autora e espero con moitas ganas que escriba outro máis, aí estarei para lelo. «Xa de nena se deu conta de que as mans contaban historias que os rostros trataban de ocultar».
Acabei agora de reler Flores de ferro de María Rei Vilas porque é a actual lectura no meu club de lectura. Esta novela está publicada en Galaxia e foi galardoada co Premio García Barros de 2020. Na novela atopamos dúas liñas temporais que se van alternando. Na máis actual, que se sitúa nos anos 80, Camila atópase con seu pai impedido tras un ictus e ten que tomar a decisión de vender a propiedade que teñen en Briana a fin de poder sufragar os futuros gastos que suporán os coidados do pai. A viaxe que vai realizar alí é o pretexto para atopar as persoas que a coñeceron de nena e mais a historia da súa familia, segredos incluídos. Na liña temporal que se remonta a cincuenta anos antes, atopamos á familia do indiano que construíran a casa e a escola da vila e tiña unha posición acomodada. As súas fillas e Olga vivían neste mundo e de arredor del atopamos máis personaxes de diferentes clases sociais e que irán debuxando o panorama da vila neses tempos da república e a súa efervescencia. A implicación política, non seguir o camiño socialmente aceptado por aqueles que despois dirixirían o país, acabou modificando completamente as esferas de poder e influencia con consecuencias dramáticas para moitos. Camila terá que ir pouco a pouco recompoñendo o crebacabezas coas pezas dispoñibles pois a maior parte da información foille ocultada toda a vida e só agora, sen a influencia do pai, é quen de comezar a facerse preguntas e comprender: que sucedeu na casa familiar? que presenciou ela realmente? que sucedeu con seu irmán? que relación tiña a súa familia co resto de veciños? Esta novela responde a un esquema xa coñecido e céntrase moito na influencia do pasado no presente da protagonista. Posiblemente moitos dos feitos narrados resulten algo rebuscados pero o que lle botei en falta é que nas diferentes liñas temporais os personaxes parecen pensar con mentalidade actual e non coa que correspondería a aquel momento. Polo demais é unha novela con capacidade para enganchar aos lectores. Unha lectura bastante entretida para o verán!
e descubre todas as novidades do libro en galego