Había tempo que tiña gana de ler Passing de Nella Larsen, e finalmente puiden facerme coa tradución ao galego a cargo de Carlos Valdés, de quen é tamén a ilustración da cuberta publicada por Irmás Cartoné xa hai uns anos. Irene é unha muller negra que podería pasar por branca e que vive co seu marido e os seus fillos en Harlem. Un día a súa amiga da infancia Clare atópase con ela e cóntalle como vive actualmente como branca mesmo para o seu marido que ignora que é negra. Un día tanto Irene como outra amiga son invitadas a casa de Clare e ao remate da xornada o seu home John Bellew chega e tras chamarlle "afectuosamente" negriña as amigas quedan paralizadas mentres deixa claro o seu odio aos negros. Finalmente Gertrude e Irene acaban marchando coa conciencia do perigo de vivir nunha mentira desa transcendencia. Co tempo Clare retoma a amizade cos seus coñecidos de cor e atópase nunha encrucillada entre seguir vivindo nunha mentira e arriscándose a ser descuberta polo seu marido como o que é, ou tomar unha decisión ao respecto. Mentres tanto, vai aproveitando para seguir coas novas amizades mentres o seu home está lonxe e se vai criando a súa filla. Así a todo, as mentiras prolongadas no tempo son difíciles de manter. Pasar é todo un exercicio de reflexión sobre o que supuxo e aínda supón a raza nos Estados Unidos. Os devanceiros de orixe africana supoñen unha condena social, un estigma que mesmo a cor branca da pel non pode ocultar. Vemos o medo das mulleres que pasan por brancas a ter máis fillos por se saíse algún coa pel escura, a ambigüidade na que se moven, os remorsos por non tomar a decisión correcta, a renuncia á familia para ocultar parentes de cor, etc. e, por outra banda, o desprezo da poboación afrodescendente cara estas persoas que prefiren os beneficios da poboación branca antes que ser leais os seus. Todo un exercicio de reflexión sobre as connotacións e prexuízos asociados a unha cor determinada, sen ningunha outra razón pero sobre os que se articula a organización social do país. Unha obra sumamente interesante e que seguro que gustará a quen non busque unha novidade editorial pero si un bo libro que deixe pouso e faga pensar.
e descubre todas as novidades do libro en galego