O plan da publicación da obra completa de Manuel Antonio contempla a posibilidade de cinco volumes: o primeiro para a prosa, o segundo e o terceiro para o riquísimo epistolario, inédito en gran parte, o cuarto para a poesía e un derradeiro volume destinado á biografía do escritor rianxeiro.
Xosé Luís Axeitos Agrelo, nado en Asadelos (Asados, Rianxo) o 1 de xaneiro de 1945, é un escritor e investigador galego. É membro da Real Academia Galega desde 2004.
Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca onde foi alumno do profesor José Luís Pensado, mestre da filoloxía galega a quen debe o seu achegamento ao século XVIII. Foi catedrático de Lingua e Literatura Castelá no IES Rafael Dieste da Coruña, cidade na que reside e onde exerceu a súa profesión desde 1989. Tamén é profesor-titor da UNED na súa sede da Coruña.
No campo da literatura dedica especial atención a Dieste, Luís Seoane e Manuel Antonio, aos que estudou e editou. Tense preocupado tamén polo mundo da edición en Galicia. Ingresou na Real Academia Galega o 30 de outubro de 2004, sendo Arquiveiro-Bibliotecario dela desde o 17 de decembro de 2005 ata o 18 de decembro de 2009.
Foi conferenciante, participou como relator en congresos sobre o exilio e sobre distintos escritores galegos. Organizou os congresos de Luís Seoane e Rafael Dieste. Colaborou en exposicións relacionadas co libro galego na Arxentina e coas biografías de Rafael Dieste e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Forma parte do consello editorial da Biblioteca del Exilio e do consello de redacción das revistas Citania, Cuadrante, Unión Libre. Ten publicado artigos en Boletín Galego de Literatura, Ínsula, Verba, A Trabe de Ouro, Grial, Zurgai e Serta.
e descubre todas as novidades do libro en galego