María Solar Núñez, nada en Santiago de Compostela o 25 de decembro de 1970, é unha xornalista e escritora galega.
Durante os seus estudos formouse e traballou como actriz de dobraxe, actividade que volveu exercer anos despois. E tamén na etapa universitaria comezou a traballar en Radio Compostela. Ese foi o seu primeiro contacto co mundo da comunicación que xa nunca abandonou. Como xornalista o seu traballo céntrase principalmente na radio e televisión autonómicas de Galicia. Na súa traxectoria na TVG presentou todo tipo de programas como o cultural Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, A Revista Fin de Semana, etc. Na Radio Galega, entre outros programas foi directora e presentadora durante oito anos da revista As tardes da Galega e do programa de literatura Chamando á Terra. Ten colaborado con frecuencia en prensa e revistas. Tamén presenta o programa Zigzag Fin de Semana en TVG e coordina os programas de cultura da CRTVG.
Como escritora escribiu para todas as idades comezando polo infantil e xuvenil onde obtivo distintos premios e recoñecementos nacionais e internacionais, entre eles o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2014 coa obra escrita orixinalmente en galego O meu pesadelo favorito e entrou dúas veces na lista White Ravens cos libros Mi pesadilla favorita en 2015 e Teño uns pés perfectos en 2016. En febreiro de 2017 publicou a novela Os nenos da varíola, baseada na Expedición Balmis. Os seus libros foron publicados en varios idiomas como galego, castelán, catalán, portugués, polaco, filipino, chinés ou italiano.
Gañadora de varios premios, entre eles o Xerais de novela en 2022 por A culpa.
Esta última lectura infantil que acabo de facer é O meu pesadelo favorito co que María Solar obtivo o Premio Lazarillo en 2014 e que atopamos publicado na colección Árbore de Galaxia. Esta novela preséntanos a Manuel, un neno que ten febre e ve como a suba da temperatura combinada coa medicación veterinaria para cans e gatos vai facendo o seu efecto levándoo a un sono moi especial. Neste sono vanse encadeando uns sonos con outros sen que resolva ningunha das situacións que se lle presentan mentres procura fuxir de Alicia, a repartidora de bicos. Atópase logo en situacións do máis surrealista, cun extraterrestre cheirento, con animais imposibles coma entre outros os Dinorrinco e Hipodrilo creados polo doutor Ensaio, uns cans verdes ou os habitantes dun bar moi especial. Unha morea de personaxes e situacións que vai deixando pendentes e das que terá que saír coa axuda de Alicia, que non é como el pensaba. Mesmo seu pai acabará aparecendo nos soños. Aínda que nalgún momento tiven a sensación de que as diferentes historias eran demasiado inconexas, chegando a ser case un libro de relatos, o final do libro consegue dar esa unidade a todo e atopámonos cun final moi bonito e luminoso no que Manuel sae airoso deste episodio de enfermidade e febre. A conclusión para min é clara, cando teña febre no futuro hei procurar non tomar medicación veterinaria por se acaso! Un libro fácil de ler por capítulos pois estes teñen certa independencia e interese coa cantidade de criaturas e situacións surrealistas que gustarán ás nenas e nenos máis imaxinativos. Por esa razón creo que aínda que vén recomendado a partir de 10 anos, podería ser interesante incluso a idades lixeiramente inferiores.
e descubre todas as novidades do libro en galego