Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiro
s da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Daquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira viaxe espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin, un sobrenome que o acompañará durante toda a súa infancia e adolescencia.
Mentres se apaga a vida da nai, Miguel lembra os seus anos mozos, na Coruña da década dos sesenta. Os seus rexentan unha imprenta e unha libraría de barrio, aparentan ser unha familia coma as outras. Mais esconden perigosos segredos que Miguel irá desvelando a medida que se abre á complexidade da vida. Unha vida na España desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime. E tamén coa oposición clandestina, barreira imprescindible contra a barbarie. Naquel tempo de mocidade, Miguel tamén experimenta a revolución interior que supón namorarse. O arrebato da paixón
e a dor da ausencia, nunha relación marcada polas diferenzas de clase.
Emocionante historia de amor, engaiolante novela de formación e da memoria, A viaxe de Gagarin confirma a Agustín Fernández Paz como mestre da narrativa do noso tempo.