Empregamos cookies para mellorar a experiencia, análises e contido personalizado.
Podes aceptar todas, rexeitar as non necesarias ou configurar.
Máis info na política de cookies e
privacidade.
Neste traballo, Pardo de Neyra regresa á poesía, espremendo as imaxes que lle xorden das xanelas. Das xanelas cóncavas, e das súas concavidades, deses espellos que todos e todas cremos levarmos dentro. Canda unhas vísceras que se destripan para fóra e para os adentros, e mercé a un sangue que se…
Neste traballo, Pardo de Neyra regresa á poesía, espremendo as imaxes que lle xorden das xanelas. Das xanelas cóncavas, e das súas concavidades, deses espellos que todos e todas cremos levarmos dentro. Canda unhas vísceras que se destripan para fóra e para os adentros, e mercé a un sangue que se proclama afouteza e entrega, seiva e baluarte, dunha conciencia propiamente galega mais intensamente humana. Porque as verdadeiras fronteiras en que esculca o autor basculan cara á forza dunha imaxinaría que quer explicarse entre o delirio e o desexo, entre os silencios e o berro. Concienciando unha boca aberta que quizais só pode articular as súas palabras e o aire que exhala para dentro e cara ao espazo que as tripas adoitan deixar dentro dun corpo que se baleira, ou que é obxecto de desmembración, que tamén pode ser. Xanelas estas, e sempre as xanelas, por onde as gretas dos semas das palabras esvaran en dirección ao propio espazo de que proveñen: a natureza e o carácter persoal, ambos filamentos por que se conduce unha aposta literaria arriscada e novidosa, talvez enfrontada ao que arestora se ofrece no panorama dunhas letras galegas especialmente atento co politicamente correcto e cun tradicionalismo ferozmente adaptado a un sentimento de xorne peculiar. É esta unha honestidade pouco común. Aquela que respira, e ademais proclama, memoria. Porque en suma, sen memoria nada somos, nada fomos, nada sermos e nada seremos. E sen a inquietude da serenidade exaltada de quen cre deixarse levar polas xanelas cóncavas dos seus espellos.
Que che pareceu este libro?
Axuda a outras persoas deixando a túa opinión sobre este libro
Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968). Actualmente profesor da Universidade da Coruña, onde lecciona lingua e literatura galegas, foi docente das universidades de Compostela, Estremadura e Católica Portuguesa. Doutor en Filoloxía Galega, Historia Contemporánea (ambas pola Universidade de Santiago de Compostela) e Didáctica da Lingua e a Literatura (esta, co carácter de Doutor Europeo, pola Universitat de València), é a única persoa que no estado español conta con tres teses de doutoramento defendidas no seo da universidade pública. Leva a publicar contributos desde a súa adolescencia, contando na actualidade con máis de medio cento de libros. Artigos de investigación, de divulgación, ensaios, manuais e obras de narrativa, novelas e poemarios son os froitos do seu traballo, entre eles a primeira novela pornográfica da historia da literatura galega, por certo unha obra moi polémica no seo dun espazo bastante atrasado e reaccionario.