No corazón dun zoo cheo de criaturas sorprendentes, Dorotea, unha eiruga que se sente máis fea ca as demais, espera ansiosa converterse en bolboreta. Pero a metamorfose falla e segue igual ca sempre: sen ás, sen brillo e sen beleza. Coa axuda do rato Arrebato e dunha panda de animais tan raros coma…
Antía Yáñez Rodríguez, nada en Burela o 9 de agosto de 1991, é unha escritora galega.
Estudou Secundaria e Bacharelato no IES Perdouro (Burela). Enxeñeira de camiños, reside en Cecebre (Cambre), onde xestiona unha academia e fai obradoiros literarios para rapaces.
En 2018 gañou o premio Illa Nova con Senlleiras. É a historia de dúas mulleres, Alana (moza pobre) e Alda (influencer), en tempos diferentes, comezos do século XX e comezos do século XXI, pero cun mesmo problema, o maltrato dos seus homes. Na obra hai diferentes narradores e intégranse textos xornalísticos, das redes sociais etc.
En 2020 entrou na directiva da AELG. En 2022 publicou Non penses nun elefante rosa, onde trata o tema da saúde mental, en particular o TOC.
Estes vindeiros días vai saír á venda A eiruga rabuda de Antía Yáñez publicado en Xerais. Este libro infantil é deses libros para público novo que desexe historias breves pero ben contadas. Coma calquera eiruga a eiruga Rabuda quere facerse bolboreta. Ela que, a diferenza das súas compañeiras, non é de cores bonitas, ten a esperanza de que a metamorfose da adolescencia eiruguil acabe facendo dela unha preciosa bolboreta. Cando descobre que non é así tampouco no seu caso, que segue sendo unha branca eiruga cuberta de puntiños negros, decide percorrer mundo ─ou máis ben zoo─ e visitar xunto co seu amigo o rato Arrebato as outras zonas do zoo. Alí coñece outros animais e aprende deles. Como na propia vida, todo o que imos aprendendo sempre pode ter unha utilidade futura que o público novo vai desfrutar descubrindo. Un precioso libro a cabalo entre álbum ilustrado e libro tradicional para eses lectores que se estrean cos seus primeiros libros de pouco texto e moito apoio visual ou para aqueles que conten con algunha persoa voluntaria para facer esa lectura, neste caso facilmente dramatizable. Creo que é un libro que vai encantar e as coloridas ilustracións de Iván R. son perfectas: alegres, potentes e atractivas, para o relato dunha eiruga alegre, potente e atractiva, aínda que ela pense que non. Que gusto este novo libro de Antía Yáñez! Vai ser unha das miñas vindeiras lecturas cos máis pequenos do meu colexio.
e descubre todas as novidades do libro en galego