Óscar M. Guzmán (Vilamarín, Ourense, 1970), traballa como persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense. Amante do xénero policial e suspense leva publicadas tres novelas. «Os segredos de Teresa» ( Toxosoutos, 2021) e «Pero... como morren as pegas?» ( Galaxia,2024), obra galardonada co V Premio Literario Vilar Ponte do Concello de Viveiro, forman parte da saga do inspector Saladino Mariño.
«Só os mortos saben a verdade» (Xerais, 2026) é a súa terceira novela, coa que acadou o XXXII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove.
A estas alturas son xa especialista en comezar as series a modo de cangrexo, do último libro ao primeiro e esta novela é unha máis nese proceso. Os segredos de Teresa de Óscar M. Guzmán é a primeira novela de Sala e Marcel Mariño, Adriana e Leo pero eu lina despois de Pero como morren as pegas. Os segredos de Teresa preséntanos un dobre falecemento o de Teresa, unha muller que aparece cun disparo e ao seu lado un home máis novo falecido envelenado algo antes. Teresa formaba un curioso trío cos seus veciños Justo e María, cada un vivindo nun piso diferente do edificio. A clave para os investigadores está no difícil pasado de Teresa que, curiosidades da vida, deixa unha carta para Marcel Mariño coñecido seu e a quen invita a escribir sobre os acontecementos. Teresa vai dirixindo a investigación desde as súas indicacións iniciadas con esa carta. Un pasado difícil antes e despois da súa adopción, Teresa foi sempre unha muller independente que a levou a ser dona do seu destino e buscar vinganza por unha banda e comprensión por parte do seu fillo. Esta é unha novela moi ben fiada e entretida, que nos vai levando cun ritmo incansable e na que é imposible imaxinar o final que, tendo sentido, non deixa de sorprendernos. Outro importante elemento son os investigadores, os irmáns Mariño e a tensión existente entre eles; Leo e Adriana, a xuíza e a tensión e rivalidade entre todos eles crean situacións que fan esbozar un sorriso moitas veces ao longo de toda a lectura. Se estes protagonistas teñen novas aventuras non me quedará outra que lela esta vez pola orde correcta!
e descubre todas as novidades do libro en galego