A morte por atropelo de Elixio Figueiras vai alterar a rutina de Secundino Santalices, taxista xubilado de 81 anos que cada día completa co seu andador o quilómetro que separa a residencia onde vive do bar que frecuenta. Elixio, amigo inseparable da mocidade e desaparecido durante máis de cincuenta…
Óscar M. Guzmán (Vilamarín, Ourense, 1970), traballa como persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense. Amante do xénero policial e suspense leva publicadas tres novelas. «Os segredos de Teresa» ( Toxosoutos, 2021) e «Pero... como morren as pegas?» ( Galaxia,2024), obra galardonada co V Premio Literario Vilar Ponte do Concello de Viveiro, forman parte da saga do inspector Saladino Mariño.
«Só os mortos saben a verdade» (Xerais, 2026) é a súa terceira novela, coa que acadou o XXXII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey do Concello do Grove.
📚Levaba unhas semanas agardando para poder ler Só os mortos saben a verdade, despois de ler este ano as dúas obras anteriores de Óscar M. Guzmán. Esta foi a gañadora do XXXII Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta e está publicada en Xerais. Ao longo destas páxinas atopamos a conversa do investigador da compañía de seguros Vidasa, Alfredo Torres que acode á residencia de anciáns onde se atopa Secundino Santalices para investigar a morte doutro interno, Elixio Figueiras. Secundino e Elixio foran amigos da infancia e desde aquela Elixio sempre fora o espelido da relación e Secundino quen ía a remolque. Xogos de infancia, o traballo no taller, o servizo militar, as diferentes relacións... a traxectoria foi paralela ata o momento no que desaparece Elixio durante décadas para aparecer só nos últimos anos de vida como compañeiro de habitación na residencia. O relato que Secundino é interesante e revélanos un Elixio que tiña moitas facetas e sempre buscaba ir un paso máis aló do aceptable con Secundino como testemuña que elixía preservar a amizade mesmo sen compartir as súas decisións. O ancián parece ata certo punto entrañable e preguntámonos a onde quere chegar o investigador nese percorrido vital ao que o anima. Pero nada é o que parece e só os mortos saben xa toda a verdade e quédanos o mellor da novela que son os dous últimos capítulos nos que o final resulta absolutamente imprevisto. Se durante algúns capítulos unha se pregunta a onde quere chegar a narración, esa pregunta queda absolutamente resolta ao rematar a novela. Debo dicir que esta é a novela que máis me gustou do autor porque aínda que se bote de menos aos irmáns Mariño, atopamos aquí ese humor e estilo característicos de Guzmán pero cunha narración máis breve e sorprendente. Unha moi boa lectura!
e descubre todas as novidades do libro en galego