Empregamos cookies para mellorar a experiencia, análises e contido personalizado.
Podes aceptar todas, rexeitar as non necesarias ou configurar.
Máis info na política de cookies e
privacidade.
A figura de Rosalía de Castro é o mito máis relevante e universal da Galicia moderna, icona política, nacionalista, social, feminista, non ten máis lectura obxectiva que a dos seus textos, a súa verdadeira realidade. O presente volume recolle unha antoloxía da obra poética de Rosalía de Castro,
A figura de Rosalía de Castro é o mito máis relevante e universal da Galicia moderna, icona política, nacionalista, social, feminista, non ten máis lectura obxectiva que a dos seus textos, a súa verdadeira realidade. O presente volume recolle unha antoloxía da obra poética de Rosalía de Castro, preparada polo estudoso rosaliano Anxo Angueira e precedida dun limiar de X.L. Méndez Ferrín, e organizada arredor de sete ámbitos temáticos: Así en "Terras de Rosalía", incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. "Santos, campás e pecados" é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En "Festas e fames" danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camoes, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En "Sombras e soidades" ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En "Verba de muller" recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en "Pola dignidade nacional", antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.
Que che pareceu este libro?
Axuda a outras persoas deixando a túa opinión sobre este libro
Rosalía de Castro (1837-1885) é considerada como a escritora nacional de Galicia e a publicación de «Cantares gallegos» (1863) tense como o inicio do denominado Rexurdimento. Filla da fidalguía rural galega, na vida de Rosalía considéranse decisivos para a súa formación intelectual o paso polo Liceo de la Juventud en Compostela e a posterior experiencia madrileña. Foi en Madrid onde publi-cou a súa primeira obra («La Flor», 1857) e onde coñeceu e casou con Manuel Murguía (1858). A súa vida a partir de aquí coñeceu unha grande itinerancia e unha intensa dedicación á escrita. En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas («Lieders» e «Las literatas»), o seu avanzado pensamento político e social («Follas novas», «El caballero de las botas azules») ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a padronesa afondou como poucos nalgúns dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu, como proban «Follas novas» e «En las orillas del Sar». Fiel á súa Terra de Iria, a pesar de tanto vagar, pasou nela os seus derradeiros anos de vida e nela compuxo esta última obra, capital na súa produción. Enterrada no cemiterio da Adina en Iria, os seus restos foron trasladados a San Domingos de Bonaval, no que hoxe é o Panteón de Galegos Ilustres.