Empregamos cookies para mellorar a experiencia, análises e contido personalizado.
Podes aceptar todas, rexeitar as non necesarias ou configurar.
Máis info na política de cookies e
privacidade.
Xosé Neira Vilas, escritor de recoñecido prestixio, dende que en 1961 publicara Memorias dun neno labrego, e autor dunha extensa obra literaria que abrangue dende a prosa narrativa, a poesía, a outros textos de investigación ou testemuña, incorpórase ó catálogo da colección "Narrativa" de Xerais cun
Xosé Neira Vilas, escritor de recoñecido prestixio, dende que en 1961 publicara Memorias dun neno labrego, e autor dunha extensa obra literaria que abrangue dende a prosa narrativa, a poesía, a outros textos de investigación ou testemuña, incorpórase ó catálogo da colección "Narrativa" de Xerais cun fermoso libro de relatos O home de pau. Os quince contos que compoñen O home de pau ("O home de pau", "Coches", "Unto", "Casa", "O parvo", "Alameda", "O xigante Med", "Folga", "Papeis", "Babel S.A.", "Fumes", "Decibelios", "Cadelandia", "Anuncios" e "Reloxos") foron escritos ó longo do ano 1988 en La Habana cando Xosé Neira Vilas era xefe de redacción da revista infantil Zunzún. Foron reescritas en Galicia, no inverno de 1993 e recuperados na súa versión definitiva no comezo do presente ano.A pretensión de Neira Vilas con tales fabulacións é reflexionar sobre o previsible destino das cidades actuais e das xentes que nelas moran. Quince historias urbanas, que son outras tantas alegorías sobre algunhas das eivas crónicas que padecen tódalas cidades do noso tempo. Cidades concibidas como labirintos de arames, signos, letreiros, fochas e moreas de entullo entre os que resoan frenlas de motores, bruídos de camións-matafogos e dos outros, laios de lixeiros coches policias, ou de ambulancias que roñan agoirentas para gañarlle unha carreira á morte. Cidades nas que viven homes de pau, chantados na esquina de entrerrúas, vendo e non vendo todo o que acontece. Cidades que medran ceo arriba e beira a beira, con tropezos e miserias eito, nas que cadaquén vai ocupando a súa cova, o seu tobo. Cidades nas que foron a menos o aire e a luz e a ledicia de vivir.A súa complexa brevidade, a prosa limpa e depurada, a investigación léxica sorprendente, o experimentalismo alegórico na construcción das tramas, apoiado no expresionismo das magníficas ilustracións de Siro López, fan de O home de pau, unha das máis orixinais e valiosas aportacións dun dos clásicos da narrativa galega.
Que che pareceu este libro?
Axuda a outras persoas deixando a túa opinión sobre este libro
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.