Empregamos cookies para mellorar a experiencia, análises e contido personalizado.
Podes aceptar todas, rexeitar as non necesarias ou configurar.
Máis info na política de cookies e
privacidade.
Unha parella que se perde no medio da fraga e se reencontra, un eterno retorno entre a paixón erótica e o abismo, a vida que constrúe o desexo ou o desexo que organiza a vida, o azar e a súa tráxica e caprichosa vontade, as lóxicas do dominio e o control, da rebelión e a sabotaxe, o desafío material
Unha parella que se perde no medio da fraga e se reencontra, un eterno retorno entre a paixón erótica e o abismo, a vida que constrúe o desexo ou o desexo que organiza a vida, o azar e a súa tráxica e caprichosa vontade, as lóxicas do dominio e o control, da rebelión e a sabotaxe, o desafío material da realidade e as opresións do traballo, as normas do éxito e do fracaso, a loucura irrefreable do poder coas súas dinámicas absurdas e inaccesibles, e a ousadía de concibir a posibilidade de desconectalo... Estes contos narrados desde o interior da boca do lagarto, o mesmo lugar en que o tigre amosa os dentes afiados coma navallas, observan a realidade desde diferentes perspectivas, desde dentro e desde fóra, desde as teas da aparencia e desde o núcleo descarnado da rede que nos conecta e nos vixía asemade. Entre a complexidade do material e a simpleza dos signos dun código binario. Os personaxes son carne e alento e ao mesmo tempo impulsos electromagnéticos nun metaverso caprichoso e sen regras fixas. Talvez iso somos os humanos. «O tigre na boca do lagarto» é un conxunto de historias sobre os seres humanos e os seus xogos, paixóns, impulsos e traxedias, opresións e desexos incontibles de liberación. Sobre os seus fracasos, as súas derrotas e as vitorias da existencia.
Que che pareceu este libro?
Axuda a outras persoas deixando a túa opinión sobre este libro
Antón Dobao (Lugo, 1963). Licenciado en Filoloxía Galega. Lingüista da TVG, director e guionista de ficción audiovisual. É membro do Comité de Redacción da revista «A Trabe de Ouro» dende a súa fundación. Traduciu ao galego obras de George Orwell, Antoni Marí, J. D. Salinger, Paul Auster, Carles Bellsolà ou Sergi Pàmies. Como poeta, publicou «Desde o teito da noite» (Xerais, 1987), «Caderno dos dereitos e das horas» (1994), «O tempo entre murallas» (Xerais, 1997), «Materia» (Xerais, 2005), «Onde o ollar comeza a doer» (2007) e participou no libro colectivo «Xuro que nunca volverei pasar fame», da asociación Redes Escarlata. En narrativa, publicou os libros de relatos «Incertos» (Xerais, 2008), «As ilusións estrañas» (2014) e «O tigre na boca do lagarto» (Xerais, 2024). Como director cinematográfico, pódense destacar, entre outras, obras como «A Mariñeira» (2007), «O Club da Calceta» (2008) ou «Sinbad» (2011).