Finais do século XI. Un vello conde danés, antigo xefe viquingo agora convertido ao cristianismo, arriba ás costas de Faro Brigantium, a primeira etapa da súa peregrinación ata Santiago de Compostela, na terra onde se fixo famoso como guerreiro. ╔ o final da súa vida e o final dun tempo; as novas…
Alberto Varela Ferreiro é ilustrador, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de Deseño. Actualmente traballa como deseñador gráfico, participa en exposicións e realiza traballos de fotografía dixital e vídeo.
Colaborou na súa etapa universitaria en fanzines e revistas como «A Ameixa Cacofónica», «Taka de Tinta», «Gaudeaumus» ou «Trilateral», e logo na revista «Golfiño» (Xerais 2000-2001), onde publicou páxinas do seu heroe Xeixas Jhonson. Foi gañador de diversos certames de deseño e ilustración, como o 1º premio do concurso de cómic da Universidade Politécnica de Catalunya, o Premio Continuará da Facultade de Sant Jordi ou o Premio Curuxa do Museo do Humor de Fene.
En Xerais, como autor-ilustrador ten publicados na colección Merlín tres volumes da súa serie infantil «Anamarciana»: «Anamarciana» (2000), «Anamarciana. Vacacións en Europa» (2003) e «Anamarciana no Planeta Vermello» (2005), e tres álbums na serie Merliño centrados na problemática ecolóxica e medioambiental: «Brrumm-Brrumm» (2004), «Lume!» (2007) e «Dona Landra no Río Revolto» (2009). En banda deseñada publicou «Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia» (2018), «Wolfram» (2020), «Plus Ultra. Transición ao futuro» (2022) e «O dragón anoado» (2024).
Non coñecía eu esta obra de banda deseñada, Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia de Alberto Varela Ferreiro e descubrilo foi toda unha sorpresa pois é un libro que nos fala duns feitos moi pouco coñecidos polo gran público (ou polo menos por lectoras coma min). Comeza a obra cun Ulf de Jakobsland que é un vello nobre a piques de facer o Camiño de Santiago para ir a Jakobsland desde Dinamarca e regresar así ás terras nas que estivo de novo como parte das expedicións viquingas por Galicia. Durante esa viaxe fáisenos un relato da historia das expedicións viquingas por toda Europa entre os séculos IX e XI. Ulf, cuxo nome significa lobo, foi un xefe que participou nas últimas incursións que este pobo fixo por Galicia a mediados do século XI e o seu regreso é xa como cristián no comezo dunha era moi diferente. Esta obra é un achegamento a este período e destaca pola súa boa documentación histórica e o didáctica que parece cos seus diagramas, glosario e bibliografía finais que aportan datos aí onde o lector careza das claves para poder interpretar correctamente. Dado o carácter de incursións de saqueo que tiveron moitas destas viaxes non quedaron moitos restos da época, salvo as Torres do Oeste, mentres que os libros de historia adoitan pasar rapidamente por este período pero sen dúbida resulta relevante pola duración destes contactos e as grandes áreas de Europa que se viron afectadas. Para este pobo calquera foco de riqueza como podía ser a cidade de Compostela eran un imán que os atraía unha e outra vez. Os debuxos e textos conseguen condensar moi ben estes feitos históricos e facer moi accesible este período tan descoñecido da nosa historia. As ilustracións, os textos e mesmo o formato do libro son do máis acaído para o contido resultado unha obra moi interesante.
e descubre todas as novidades do libro en galego