Iria Collazo López, nada en Barro o 26 de xuño de 1981, é unha escritora galega.
Iria Collazo López naceu en Barro e trasladouse coa súa familia aos sete anos a Moaña. Licenciouse en Filoloxía Galega en 2003 na Universidade de Vigo, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Carreira. Ao ano seguinte aprobou as oposicións ao Ensino Secundario. Hoxe vive en Cangas e traballa como profesora de Lingua e Literatura Galega no IES As Barxas, de Moaña, onde colabora con pequenas creacións literarias e como coordinadora, xunto con Luz Beloso, Miguel Ángel Alonso Diz e Seso Durán en proxectos audiovisuais (A Muller Lamprea, Alicia) nos obradoiros Eduplástica e MusicasBarxas, que resultaron gañadores dalgúns premios do audiovisual escolar, coma o 1º Premio de Videocreación do Concello de Santiago de Compostela, o Premio Olloboi Orixinal 2014, un accésit polo fomento do uso do galego do IES Monte Carrasco e outra nos premios Impinxidela. En 2018 colaborou na revista Ligeia.
En 2015 publicou na Colección Costa Oeste da Editorial Galaxia a súa primeira obra literaria, Coma unha áncora, unha historia de amor, naufraxios e memoria. En 2016 saíu A soidade das medusas tamén na editorial Galaxia, seis relatos diferentes pero con moitas cousas en común. Nesta mesma editorial publicou en 2019 A casa do paralelo 54.
Foi IIº Premio Certame de poesía Torre de Caldaloba 2019 con De casa queimada.
En 2021 gañou a primeira bolsa do programa de intercambio de escritores entre Galicia e Xeorxia, para realizar unha estadía literaria na Writers’ House of Georgia de Tblisi, ao tempo que un autor xeorxiano viaxa á Residencia Literaria 1863 da Coruña.
e descubre todas as novidades do libro en galego