"Desmentindo a primavera" pode lerse como a memoria dunha casa, de tantas casas de Galicia, onde o lume estivo prendido de forma ininterrompida desde mediados do século XV ata finais do XX, en que os libros turran polos fillos para fóra da casa e do lugariño. A memoria da casa mestúrase coa do seu
María Pilar Jiménez Aleixandre, nada en Madrid o 1 de maio de 1947, é escritora en lingua galega, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega.
O primeiro relato que escribiu, un conto sobre vampiros, foi o xermolo de Agardando polos morcegos. Logo viñeron A formiga coxa, a súa primeira novela de literatura infantil, e A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995).
Ademais de destacar como autora de literatura infanto-xuvenil tamén escribiu para adultos. Foi finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 con Tránsito dos Gramáticos. En 1996 publicou o libro de relatos Lobos nas illas, sobre as difíciles relacións familiares, en 1998 a novela A compañía clandestina de contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro dese mesmo ano), e no 2001 Teoría do Caos (Premio Xerais 2001), unha novela ambiciosa e fragmentaria sobre como é posible traizoarse a un mesmo. Boa parte da súa obra narrativa está traducida ó castelán, portugués, catalán e vasco. En 2020 gañou o premio Blanco Amor por As malas mulleres e en 2022 o Premio Nacional de Narrativa pola mesma obra, traducida ao castelán (Xordica, 2022), catalán (Bromera, 2023) e éuscaro (Alberdania, 2023).
Traduciu do inglés para o galego o poemario Muller ceiba (1996) de Sandra Cisneros, A caza do Carbairán, de Lewis Carroll (incluída na Lista de Honra do IBBY en 1997) e Harry Potter e a pedra filosofal, o primeiro volume da serie Harry Potter, no 2001, sendo ademais a responsable dos guións dos 14 capítulos da serie de banda deseñada Os Escachapedras, con ilustracións de Fran Bueno.
Como poeta participou en varias publicacións colectivas e nas actividades do Batallón Literario da Costa da Morte. En 1998 gañou o Premio Esquío co poemario Catálogo de velenos. En 2010 foi nomeada Socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten así mesmo colaboracións en diversas revistas sobre cultura e literatura: CLIJ, Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Boletín da Real Academia Galega, Nó, Luzes de Galiza e El Signo del Gorrión; tamén en revistas científicas da súa especialidade (Science Education e JRST). Así mesmo é autora de obras sobre o ensino das Ciencias e colabora no xornal Nós Diario.
Foi elixida académica de número da Real Academia Galega no pleno do 9 de xullo de 2016, pronunciando o 14 de xaneiro de 2017 o discurso de ingreso Voces termando da paisaxe galega, respostado por Fina Casalderrey.
Pertence á Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e ao PEN Clube de Galicia, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Asociación de Tradutores. Formou parte durante catro anos do Executive Committee do International Board on Books for Young People (IBBY). É membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e é socia de Nova Escola Galega, Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), a European Science Education Research Association (ESERA) e a National Association for Research in Science Teaching (NARST). Pertence ó "Batallón Literario da Costa da Morte", paisaxe literaria onde están situados algúns dos seus libros e ó consello editorial de "Letras de Cal".
e descubre todas as novidades do libro en galego